O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, responde na Comisión 6ª do Parlamento de Galicia unha pregunta sobre o seu departamento.
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, reivindicou hoxe a “solvencia e utilidade” das fontes de datos e ferramentas que a Xunta de Galicia está a empregar desde hai anos para planificar a actividade turística “de xeito ordenado e sostible”.
Como explicou, Turismo de Galicia leva anos monitorizando e estudando os fluxos turísticos, así como diferentes aspectos da oferta e demanda turística a través de ferramentas e equipos de traballo que están a permitir “unha toma de decisións para afondar nun modelo diversificado e desestacionalizado como o actual”. Neste sentido, fixo mención á Área de Estudos e Investigación que ten unha dobre vertente: o fornecemento de información “rigorosa” para a xestión pública da propia Axencia de Turismo e para funcionar como servizo público de investigación e difusión.
“Realizamos estudos de investigación de oferta, demanda e impacto económico, tamén analizamos desde esa Área tendencias e estudos sectoriais estratéxicos, analízase a capacidade competitiva das empresas, entre outras cuestións”, expresou. Xosé Merelles, tamén se referiu a que a Xunta desenvolve proxectos en continuidade que analizan indicadores, informes de coxuntura hoteleira e extrahoteleira, analises de datos de turismo estranxeiro e informes de mercado de traballo, entre outros.
Impacto do sector turístico na economía
“E participamos en grupos de traballo para abordar a situación e o impacto do sector turístico na economía galega, moitas veces en colaboración con institucións académicas e asociacións de relevancia” engadiu ao tempo que puxo como exemploa participación de Galicia en foros de sostibilidade turística de NECSTouR (unha asociación europea de rexións turísticas), así como observadores en proxectos sostibilidade ca OCDE.
Fixo mención, ademais, a un dos elementos clave da lexislatura: o sistema de información integral da sostibilidade turística que está nestes momentos en fase de adxudicación. Trátase do Observatorio de Sustentabilidade Turística que servirá para actualizar metodoloxías e monitorizar a evolución dos destinos e recursos turísticos que permitirá avanzar na sustentabilidade turística en todas as vertentes.