O vindeiro luns 9 comezarán os traballos para crear o primeiro carril bici do barrio de Novo Mesoiro, que se executará ao longo da rúa Illas Sisargas.
O Concello traballa xa na posta en marcha de dúas novas intervencións para ampliar o percorrido de carril bici na Coruña, que pasará a contar proximamente con dous novos treitos entre o Cantón Grande co Paseo Marítimo, á altura do Orzán, e, por outra banda, no barrio de Novo Mesoiro.
Cómpre lembrar que sendas intervencións foron valoradas positivamente polos servizos municipais nas convocatorias de Orzamentos Participativos, e coa súa posta en marcha, o Goberno de Inés Rey avanza no seu plan de fomento da mobilidade sostible nos barrios da Coruña. Se no ano 2019 había 23 quilómetros de vías ciclables na cidade, en catro anos duplicouse esta cifra, superando os 50 quilómetros xa o ano pasado.
Agora, o mapa ciclista da Coruña experimentará unha nova fase de expansión. No caso do barrio da Pescaría, o Concello comezou este venres os traballos preliminares para vertebrar un percorrido ao longo da rúa Nova e a rúa Alta, partindo desde o carril bici xa existente preto do Obelisco, que chegará ata o carril segregado que transcorre polo Paseo Marítimo na contorna do Orzán cruzando as rúas de San Andrés e Socorro.
Isto posibilitará a unión de dous dos principais eixes ciclables da cidade: os Cantóns e o Paseo Marítimo. E supón, en certa forma, un fito en termos de mobilidade sostible para as rúas do interior da cidade, xa que será o primeiro treito de carril bici que atravese de lado a lado o istmo do barrio da Pescaría, o que permitirá chegar desde as proximidades do peirao de Transatlánticos e Méndez Núñez ata a enseada do Orzán en apenas uns minutos.
O Concello levará a cabo un investimento de máis de 104.000 euros nesta actuación, que terá un prazo de execución de catro meses.
Este venres está previsto que os equipos de traballo coloquen os valados de obra e tamén leven a cabo unhas primeiras actuacións na contorna do acceso ao aparcadoiro do Orzán.
Peonalización do treito da rúa Alta entre San Andrés e Cordelaría
Tal e como se anunciou en maio, ao licitarse os traballos, o novo carril bici entre os Cantóns e o Paseo Marítimo será bidireccional, con anchos de entre 1,90 e 2,5 metros en función do sector.
O percorrido ciclista pola rúa Nova, ata o cruzamento con San Andrés, estará delimitado sobre o propio pavimento de adoquín, coa correspondente sinalización horizontal.
A medida máis destacada no contexto desta intervención será a que se levará a cabo no segundo sector, coa peonalización do treito da rúa Alta entre San Andrés e Cordelaría. Neste treito, o carril bici substituirá o espazo destinado actualmente ao paso do tráfico rodado, o que tamén permitirá gañar espazos peonís e mellorar a accesibilidade universal da rúa.
Xa no terceiro sector, o correspondente ao treito da rúa Alta entre Cordelaría e o cruzamento da avenida Pedro Barrié de la Maza e a rúa Socorro, o percorrido ciclista cobrará forma como un carril segregado -tamén pintado en cor vermella sobre o asfalto-, lindeiro ao carril destinado ao paso do tráfico rodado que acceda desde a rúa Cordelaría en dirección ao Paseo Marítimo.
A conexión co carril bici do Paseo Marítimo transcorrerá parcialmente sobre a beirarrúa que marca a bifurcación entre Pedro Barrié de la Maza e a rúa Socorro. Ao igual que no primeiro treito, o da rúa Nova, neste punto delimitarase o percorrido ciclista coa correspondente sinalización horizontal na beirarrúa. Ademais, crearase un paso ciclista específico, lindeiro ao paso peonil do Paseo Marítimo, pintado en cor vermella, que xa confluirá no propio carril bici do Paseo.
O uso da cor vermella nos cruzamentos do carril bici é unha das medidas nas que está a traballar desde hai tempo o servizo de Mobilidade cando se acometen melloras ou ampliacións das vías ciclables na cidade, co obxectivo de reforzar a seguridade das e dos usuarios, dando unha referencia visual máis clara ás e aos conductores de vehículos.
O novo carril bici de Novo Mesoiro, ao longo da rúa Illas Sisargas
Por outra banda, o vindeiro luns 9 de setembro comezarán os traballos de construción do novo carril bici de Novo Mesoiro, que se executará no treito de Illas Sisargas en sentido de saída cara á rotonda de confluencia coa estrada DP-0512.
Para a súa construción será preciso reordenar os espazos existentes na vía, xa que o carril bici -bidireccional e cun mínimo de 2,50 metros de ancho-, transcorrerá sobre as áreas de estacionamento en batería existentes na actualidade, que se substituirán por aparcadoiros en liña.
Como xa é habitual noutros treitos de carril bici distribuídos pola cidade, haberá cores e pavimentos diferenciados en función do sector de circulación das bicicletas: nas zonas onde o estacionamento pasará a estar en liña, mantense o firme de lastras de formigón xa existente; e haberá un reforzo de formigón, coloreado en vermello, en paralelo aos percorridos peonís e paradas de autobús. Todo isto, co obxectivo de reforzar a seguridade das persoas usuarias.
A creación deste primeiro treito de carril bici a implantar no barrio coruñés foi unha solicitude da veciñanza que, no seu momento, foi valorada positivamente nas convocatorias de Orzamentos Participativos. Agora, o Goberno de Inés Rey dá cumprimento a esta demanda coa posta en marcha dos traballos, que contan cun orzamento de 138.021 euros. As obras executaranse en aproximadamente catro meses.
O novo percorrido crearase na contorna da estación de BiciCoruña
En xuño do ano pasado, o Goberno de Inés Rey puxo en marcha a primeira base do servizo municipal BiciCoruña na rúa Illas Sisargas, próxima á rotonda que conecta coa avenida Novo Mesoiro e as rúas Illas Cíes e Laxe. Conta con 23 ancoradoiros, con cadansúas bases de carga para os vehículos.
Neste sentido, este primer treito de carril bici no barrio será lindeiro á propia estación, aproveitando as infraestruturas xa construídas entre maio e xuño de 2023.