Máis de 32.000 familias galegas benefícianse desta medida á que a Xunta destina este ano máis de 60 millóns de euros de fondos autonómicos.
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada do alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, abriu esta mañá un novo curso nas escolas infantís de 0-3 anos, que por terceiro consecutivo será gratuíto en todos os centros da comunidade. Fíxoo no centro de Catabois, onde destacou que máis de 32.000 familias galegas poderán beneficiarse desta medida vivan onde vivan e vaian ao centro que vaian: público, de iniciativa social ou privado.
Fabiola García sinalou que a Xunta destina máis de 60 millóns de euros de fondos autonómicos neste curso á gratuidade, que permite aos pais aforrar máis de 3.000 euros por fillo. Así mesmo, destacou que tres anos despois da súa implantación, Galicia segue a ser a única comunidade autónoma que ofrece oito horas diarias de atención educativa de balde durante once meses ao ano.
A conselleira indicou que o Goberno galego se marca como obxectivo para este novo curso que a nosa comunidade continúe situada entre as que lideran a escolarización 0-3 anos. Na actualidade a taxa de matriculación neste primeiro ciclo de Educación Infantil aproxímase ao 60 %.
Outras medidas de conciliación
Ademais da gratuidade das escolas infantís 0-3, a Xunta ten outras medidas de apoio ás familias e á conciliación. Entre estas destacan a creación de máis dun centenar de casas niño para as familias que viven no rural, as axudas á crianza dos fillos a través da Tarxeta Benvida ou o Bono Concilia Familia para que os pais poidan contratar un servizo de conciliación sempre que o necesiten.