A alcaldesa presentou a estratexia, vertebrada en cinco áreas: persoal e formación, reforzo da presencia policial, policía comunitaria e mediación, reforzo tecnolóxico e vertente social.
A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá o novo Plan de Seguridade posto en marcha para a mellora continua da seguridade cidadá na Coruña. Rey, acompañada da concelleira de Seguridade e Interior, Montserrat Paz, detallou as medidas da nova estratexia: «Somos conscientes de que a seguridade é un dos temas que preocupa á cidadanía e por iso estivemos traballando na posta en marcha dun Plan de Seguridade, efectivo desde hoxe mesmo».
O Plan de Seguridade recolle parte da acción incluída no Plan Local de Seguridade, xa en marcha en colaboración con resto de forzas e corpos de seguridade. As novidades presentadas teñen un dobre obxectivo: abordar a seguridade de forma integral e dotar aos veciños de maior información, contacto e interlocución coa policía local. Está vertebrado en cinco áreas principais: persoal e formación, reforzo da presencia policial, policía comunitaria e mediación, reforzo tecnolóxico e vertente social.
Reforzo do persoal e formación
A rexedora sinalou que «A Coruña precisa dun corpo policial moderno e competitivo» polo que impulsará a formación dos e das axentes en materia de novos fenómenos delictivos e formas de delincuencia. Lembrou que A Coruña conta dende outubro de 2023 con 40 novos e novas axentes de Policía Local: «Foi a maior incorporación dende 1992 e completou o cadro de persoal máis numeroso de Galicia» aseverou. Asemade, o Goberno local aprobou este ano unha OPE con preto de 20 prazas para Policía Local seguindo o obxectivo de ampliar e reforzar o servizo de referencia en Galicia.
Maior presenza policial na rúa
Reforzarase a presenza de patrullas a pé de rúa, incrementando en zonas comerciais e puntos identificados como sensibles (lugares e horas con maior presencia de persoas ou posibilidade de colisión de infraccións). Tamén serán considerados puntos críticos aqueles nos que existe unha maior alarma veciñal co obxectivo de mellorar a cota de seguridade.
Estratexia de Policía Comunitaria
A alcaldesa comprometeuse a reforzar a canle de comunicación creada coas entidades veciñais e asociacións de comerciantes con reunións co servizo de policía, nas que poidan facer as súas achegas e obter o punto de vista policial. Nese sentido, a alcaldesa anuncio a creación da Mesa de Seguridade e Convivencia da que formarán parte as entidades veciñais, comerciantes, hostaleiros e policía (local e nacional): «Reunirase trimestralmente para informar aos veciños e axentes da cidade da evolución da seguridade e recoller as súas suxestións e inquedanzas».
Rey sinalou que moitos dos conflitos teñen que ver coas comunidades de edificios. Así, o Concello porá en en marcha un convenio co Colexio de Avogados para asesorar as comunidades de veciños en materia de convivencia cidadá: «O que se pretende é que poidan recibir asesoramento sobre as actuacións legais que poden realizar respecto a actividades insalubres ou que perturban a convivencia das comunidades e asesorar aos propietarios dos trámites a realizar cando a súa vivenda ten sido ocupada» explicou a rexedora. Ademais, anunciou a creación dun novo servizo de mediación da policía local, que se encargará de potenciar a resolución de conflitos veciñais, especialmente os que xeren alarma veciñal. Os axentes contarán con formación especializada e servirán de enlace entre os veciños e o Concello.
Reforzo tecnolóxico
Co obxectivo de obter unha resposta máis áxil e eficaz por parte da Policía Local, a alcaldesa anunciou unha renovación do mapa de seguridade na cidade cos puntos sensibles e incidentes abertos en tempo real, a través dun mapa dinámico. Incorporarase a información que se obtén das reunións coas asociacións veciñais, comercios ou hostalería obridas forma habitual así como as suxestións que chegan ao Concello a través do 010 e do SYR e do mail da Policía Comunitaria: «O obxectivo que temos é mellorar este mapa para que ademais de que estea dispoñible na sala 092, as patrullas poidan acceder en tempo real». Ademais, o Concello traballa para a xeolocalización dos axentes a través dos seus teléfonos, de forma que desde a sala se poda avisar aos máis próximos á incidencia.
«Estamos a desenvolver novas ferramentas para que os axentes poidan acceder á aplicación da Eurocop desde a rúa e así poder ver os datos da plataforma sen ter que chamar á sala, renovando os smartphones policiais e adquirindo tablets para todos os vehículos do servizo» explicou. Tamén anunciou que o Goberno local está a traballar na posta en marcha dunha app de reforzo de seguridade nos comercios que permitiría a conexión inmediata dos comerciantes coa policía a través dos seus teléfonos móbiles. «Neste momento estamos a desenvolver a aplicación, pero a idea é que os comerciantes podan dar alerta á policía dun incidente a través dos seus teléfonos móbiles» indicou Rey.
Vertente social
Dende unha perspectiva social, Rey fixo fincapé no incremento do consumo de estupefacientes na cidade: «Isto está detrás de moitos pequenos furtos e incidentes que alteran a convivencia e por iso poremos en marcha un estudo coa universidade da Coruña para a elaboración dun Plan Local sobre drogas que estableza as accións a desenvolver en materia de prevención de drogodependencia e xestión das mesmas». Ademais, demandou unha maior implicación da Xunta de Galicia como responsable das competencias en sanidade.