Os representantes do PP na Cámara Alta queren saber se o Goberno cuantificou as perdas provocadas polo peche da autovía e se prevé algunha compensación aos usuarios, especialmente profesionais e transportistas.
O PP lucense segue advertindo dos incumprimentos do Goberno de Pedro Sánchez coa provincia e, nesta ocasión, os representantes no Senado – José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- esixirán explicacións sobre os motivos do colapso dos viadutos do Castro, na A-6; o atraso das obras de reconstrución e os prazos para a reapertura da autovía completa en condicións de normalidade e seguridade viaria.
Os senadores, acompañados por alcaldes e portavoces da comarca da Montaña e dos municipios polos que pasa a A-6, anunciaron unha batería de preguntas dirixidas ao Executivo nacional a través das que tamén queren saber se ten cuantificadas o Goberno as perdas económicas que provocou o derrubamento do viaduto e, polo tanto, o peche durante todo este tempo e se prevé algunha compensación aos usuarios da autovía A-6, en especial a condutores profesionais e transportistas.
Así mesmo, lembran que “o Goberno gastou 26M€ de euros en obras de emerxencia no viaduto do Castro e cando remataron as obras e estaba a piques de reabrirse ao tráfico, colapsa. Máis de 2 anos despois aínda non deu explicacións, nin se coñece o resultado definitivo da investigación, nin recuperou a normalidade na circulación por ese tramo nin as alternativas foron adecuadas”. De feito, “a autovía só ten habilitado, dos 5 existentes, 1 carril en dirección Madrid que soporta o paso restrinxido de vehículos en ambos sentidos”.
Os populares cren que “tal e como van obras, parece que a reapertura completa da principal vía de conexión da provincia coa Meseta vai para largo”. E, nese sentido, inciden en que “dende o Partido Popular sempre defendemos que a reconstrución dos dous viadutos se debería facer de forma simultánea, como se fai en tódalas obras a nivel nacional. Pero a negativa do Goberno de Sánchez está a retardar a solución definitiva e, incluso, está a incumprir os prazos que daba o secretario de Estado de Transportes que, nunha visita recente, aseguraba que o viaduto estaría operativo na primavera”.
MAL ESTADO DO FIRME
Os populares advirten ademais do mal estado do firme da autovía ao seu paso pola provincia onde, de feito, hai carrís cortados ao tráfico que xeran inconvenientes e queixas dos usuarios pola súa perigosidade. “Calquera que viaxe, especialmente de noite, entre Baralla e Vega de Valcarce sabe que é un perigo”.
PREGUNTAS
1.- En que situación se encontran as obras de reconstrución do viaduto do Castro, na A-6?
2.- Que razóns levaron ao Goberno de España a incumprir o seu compromiso de executar a reconstrución destes viadutos, en ambas direccións, de forma paralela e urxente?
3.-Dispoñen xa de conclusións definitivas sobre as causas que levaron ao colapso desta infraestrutura solo poucas semanas despois de finalizar neste espazo as obras de emerxencia encargadas polo Ministerio?
4.- Que prazos manexa o Goberno de España para a reapertura completa (en ambos sentidos de circulación) e en condicións de normalidade e seguridade viaria o viaduto do Castro na A-6?
5.- Que razóns levaron a incumprir, un tras outros, todos os prazos que ofreceu o Ministerio sobre a reapertura completa á circulación do viaduto do Castro?
6.- Ten cuantificadas o Goberno as perdas económicas que provocou o derrubamento do viaduto do Castro e, polo tanto, o peche durante todo este tempo do principal acceso a Galicia desde a meseta?
7.- Ten previsto o Goberno algunha compensación aos usuarios da autovía A-6, en especial a condutores profesionais e transportistas, pola demora na recuperación desta infraestrutura?