O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación do programa, que propón percorridos e actividades polos 16 concellos da comarca en outubro e novembro.
A Xunta de Galicia impulsa o programa de rutas guiadas polos concellos da Mariña que pon en marcha a Mancomunidade de Municipios durante os meses de outubro e novembro co fin de desestacionalizar a oferta turística do xeodestino.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe en Foz na presentación da proposta A Mariña. Plans con corazón, que dá continuidade ás visitas de outono que tan boa acollida tiveron en edicións anteriores. Proponse unha para cada concello, ata completar 16, durante as fins de semana entre o 5 de outubro e o 10 de novembro e nos festivos do 12 de outubro e 1 de novembro.
As rutas son dirixidas por guías de turismo oficiais e contan con diferentes anfitrións e actividades, como visitas a artesáns, museos, produtores ou degustacións. Terán unha duración de dúas a catro horas, poderán participar un máximo de 25 persoas e tanto a información sobre o calendario como as reservas están dispoñibles na web de Turismo de A Mariña Lucense.
A maiores, está tamén en marcha o Plan de Sostibilidade Turística da comarca, ao que o Goberno galego achega 1 millón de euros e do que están saíndo novos proxectos, como o Plan director de turismo gastronómico na Mariña -presentado este verán- e o Colectivo de Gastronomía da Mariña, formado por representantes dos diferentes axentes da cadea de valor, desde os produtores ata os hostaleiros.