A inauguración terá lugar o xoves día 26 de setembro, ás 11:30 horas, no CEIDA.
O Instituto Universitario de Estudos Marítimos organiza, durante os vindeiros días 26 e 27 de setembro, as xornadas divulgativas “Novas perspectivas para a regulación, xestión e control das verteduras de plásticos ao mar”, que terán lugar entre o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) e a Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas da UDC.
Durante os dous días do evento desenvolveranse catro mesas nas que UDC será punto de debate e reflexión sobre sustentabilidade ambiental, transporte marítimo de plásticos, contaminación e verteduras; onde diversos expertos do ámbito académico e profesional exporán a súa visión e experiencias nas diferentes materias.
A xornada e a conferencia inaugural deste encontro terán lugar o xoves, día 26de setembro, ás 11:30 horas, no CEIDA (Castelo de Santa Cruz, Oleiros), e contarán coa participación de María Isabel Novo Corti, directora do Instituto de Estudos Marítimos; e Carlos Vales Vázquez, director do CEIDA, así como do catedrático de Ecoloxía da Universidade de Vigo Ricardo Beiras García-Sabell, experto internacional en contaminación e coordinador de proxectos europeos destinados a reducir as emisións de plástico. O resto das xornadas celebraranse na Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas da UDC.
Por parte da Universidade da Coruña, serán varios os expertos que participarán como poñentes nalgunha das mesas redondas. Entre eles, Felipe Louzán Lago, capitán da Mariña Mercante e profesor emérito da E.T.S. de Náutica e Máquinas da UDC; e Alsira Salgado Don, capitana da Mariña Mercante e profesora na mesma escola, participarán na mesa sobre novas perspectivas para a xestión do transporte marítimo dos plásticos, en aras dunha mellor protección do medio mariño e un transporte marítimo sostible.
Tamén estará presente Javier Sanz Larruga, catedrático de Dereito Administrativo, o cal formará parte da mesa redonda sobre as propostas e accións para a loita contra a contaminación do plástico no mar, onde tamén exporán os plans, medios e estratexias da Administración Marítima para facer fronte á contaminación mariña
Ademais, Asunción López Arranz, profesora contratada doutora de Dereito do Traballo e Seguridade Social da UDC; Fernando González Laxe, catedrático de Economía Aplicada da UDC; e Isabel Novo Corti, catedrática de Análise Económico no Departamento de Economía da UDC; conformarán a mesa sobre verteduras ao mar desde a perspectiva do desenvolvemento sostible e a economía azul, destacando a importancia de promover un futuro sostible e equitativo do uso das actividades que se realicen no mar.
A clausura e conclusións do evento estarán a cargo de María José Rodríguez Docampo, profesora Titular de Dereito Mercantil da UDC e secretaria do Instituto.
As xornadas teñen carácter gratuíto e están abertas tanto para os membros da comunidade UDC como para o público en xeral.