O lume iniciouse ás 19.57 horas de onte domingo e segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de arredor de 30 hectáreas
A Consellería do Medio Rural informa de que o incendio forestal rexistrado no concello lucense de Carballedo, parroquia de Aguada, que se iniciou onte domingo ás 19.57 horas, quedou controlado ás 10.48 horas de hoxe.
Segundo as últimas estimacións provisionais, este lume afecta unha superficie de arredor de 30 hectáreas, distribuídas entre o propio municipio de Carballedo e o limítrofe de San Cristovo de Cea, xa na provincia de Ourense. Polo de agora mobilizáronse para a súa extinción 13 axentes, 25 brigadas, 17 motobombas e 2 pas.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antes twitter): @incendios085.