A UDC aproba o novo regulamento de estudos de doutoramento co que se axilizan os trámites das teses e se incrementa a flexibilidade

Deuse o visto e pracxe á doazón do legado bibliográfico do arquitecto César Coll Nuez á Escola Técnica Superior de Arquitectura (ETSAC).

O Consello de Goberno da UDC, reunido hoxe, deulle o visto e prace ao novo Regulamento de Estudos de Doutoramento da UDC, unha normativa que se fai necesaria tras as novidades lexislativas dos últimos anos. Este novo marco normativo aspira a achegar máis certeza, simplificar o procedemento e suprimir trámites innecesarios.

Como principais novidades, propón unha maior flexibilidade, suavizándose,entre outras cuestións, os requisitos para solicitar unha dedicación a tempo completo, parcial ou incluso a baixa do programa, e máis axilidade nos trámites relacionados coas teses de doutoramento.

Así, as CAPD (Comisións Académicas dos Programas de Doutoramento) asumirán a partir de agora máis funcións co fin de alixeirar parte da carga burocrática que actualmente recae na Escola Internacional de Doutoramento da UDC. 

Por exemplo, estas comisión serán as encargadas de xestionar as solicitudes de admisión nos programas de doutoramento, agás para o caso das que veñan de fóra da Unión Europea.  

Adaptación á LOSU

En liña co acordado na última reunión do Claustro, o pasado 17 de abril, este Consello de Goberno propuxo os grupos de traballo encargados de elaborar as propostas de adaptación á LOSU dos vixentes Estatutos.  

Así, a proposta aprobada hoxe está conformada por  4 grupos de traballo: oGT1, que se encargará da estrutura da UDC (campus, centros docentes, departamentos, institutos universitarios e centros de investigación); o GT 2, ao que lle corresponderá o estudo e proposta para os órganos unipersoais e colexiados; o GT3, que traballará nos servizos da Universidade, xestión económica e orzamentos; e o GT 4, que será o responsable de elaborar a proposta en materia de comunidade universitaria: estudantado, persoal docente e investigador (PDI), e persoal técnico de xestión, administración e servizos (PTXAS).

A composición dos grupos será de 4 representantes do PDI, 2 do alumnado, 2 do PTXAS e 1 de persoas traballadoras do capítulo VI para os grupos de traballo 1 e 3, mentres que os grupos 2 e 4 estarán constituídos por 4 PDI, 3 PTXAS, 3 membros do alumnado e 1 do capítulo VI.

Captación de talento

A través do Programa de atracción de talento para RyC da UDC, incorporaranse este ano á Universidade da Coruña un total de sete persoas investigadoras con bolsa “Ramón y Cajal”. 

Por centros, catro delas integraranse na Facultade de Ciencias: David Polo Montero, Carlos Vázquez Sierra, Jonathan Quinson e Blanca Mincunill Solé; dúas en Dereito: Máximo Emiliano Sozzo e Andrei Quintiá; e unha en Ciencias Sociais, Ana Ballesteros Pena. 

A UDC garante a independencia investigadora do persoal RyC que se incorpore á institución, que poderá desenvolver as súas propias liñas de investigación de forma autónoma. 

A aposta pola captación de talento baséase na incorporación de persoal investigador coas súas propias liñas de traballo e con capacidade para conseguir financiamento en convocatorias competitivas, nas que se valora especialmente a independencia das persoas candidatas, a súa capacidade para xerar novo coñecemento e o liderado nas liñas de investigación propostas. 

Polo que se refire ao eido docente, aprobáronse novas convocatorias dos corpos docentes e de PDI. Coas novas prazas autorizadas hoxe, a cifra total no que vai de ano é de 10 cátedras e 19 titularidades. A oferta de PDI laboral, neste 2024, suma un total de 42 prazas (26 prazas de axudante doutor e 16 de profesorado permanente laboral). 

Legado á Escola Técnica Superior de Arquitectura 

O Consello de Goberno deu o visto bo á doazón da biblioteca persoal doarquitecto César Coll Nuez: unha colección bibliográfica de arredor de 1.600 libros e revistas con algúns exemplares de especial valor. 

A colección destaca polo importante número de títulos non dispoñibles na UDC. Títulos difíciles de adquirir por estaren esgotados. Arredor do 40% son títulos estranxeiros da década dos anos 90 e principios dos 20, moi difíciles de atopar a un prezo razoable. Caben destacar os referidos á arquitectura occidental clásica, á nórdica sostible, á europea da posguerra e unha importante colección sobre a Escola de Chicago e o International Style Norteamericano.

Comparte éste artículo
No hay comentarios