O Concello, que leva a cabo un investimento de 3,2 millóns de euros nas obras de mellora na rúa, dá continuidade ao cronograma de traballos cumprindo os prazos previstos.
O Concello continúa a súa folla de ruta para completar as obras de reurbanización da rúa San Andrés sobre os prazos previstos. Estes días xa se está a traballar na instalación dos novos contedores semisoterrados que substitúen os antigos colectores, dispostos anteriormente en superficie.
Atendendo á futura configuración de San Andrés, onde se están a ampliar os espazos peonís co obxectivo de potenciar a súa identidade comercial, a Concellaría de Medio Ambiente xa definiu as localizacións das tres illas de contedores semisoterrados, que terán un volume lixeiramente superior ao dos actuais e, ademais, estarán a unha distancia razoable ao longo da rúa con respecto aos puntos de achega, eminentemente locais hostaleiros.
A primeira das illas, a máis próxima ao sector lindeiro á praza de Pontevedra, estará situada á altura do número 158 de San Andrés, diante do supermercado Gadis.
Haberá unha segunda illa de contedores semisoterrados á altura do número 101, no cruzamento con Mantelería, onde se irán retirando progresivamente os antigos contedores en superficie para desconxestionar a rúa, onde Medio Ambiente está a traballar na recollida do lixo mediante o programa Porta a Porta, ideado para lles dar facilidades ás e aos profesionais do sector hostaleiro para desbotar o lixo procedente dos establecementos e, á vez, reducir a súa achega aos contedores colectivos situados na vía pública. A retirada gradual dos contedores de Mantelería comezará unha vez finalizada a obra de San Andrés.
A diferenza dos sistemas tradicionais, nos que as persoas depositan os seus residuos en contedores comúns en espazos públicos, o programa Porta a Porta baséase en que é o servizo municipal o que acode a cada local adherido á campaña, para recoller o contedor ou contedores que, previamente, e de forma gratuíta, lle son entregados a cada local de hostalería, debidamente rotulados co nome do establecemento.
Por outra banda, e ademais da primeira e a segunda illa, haberá unha terceira de contedores semisoterrados á altura do número 42 de San Andrés, a medio camiño entre a praza do Africano e a rúa Pórtico.
O modelo Molok, o escollido para os novos contedores
As tres illas de contedores semisoterrados en San Andrés contarán con modelos Molok, que cumpren cos parámetros establecidos polo Goberno de Inés Rey tanto no referente á estética e sintonía coa nova imaxe de San Andrés como no tocante á minoración das afectacións sobre as instalacións soterradas, como as de saneamento e electricidade.
Cómpre lembrar que o Concello leva a cabo un investimento de 3,2 millóns de euros na reurbanización de San Andrés, co obxectivo de adaptala á realidade actual do rueiro da Coruña. A este respecto, e ademais da ampliación dos espazos destinados ás persoas viandantes, tamén está previsto recuperar a paisaxe orixinal de San Andrés no século XVIII, coa plantación de máis de 80 novas árbores, todas elas moreiras de Valdeorras.