Superaron a fase de oposición do proceso selectivo un total de 484 aspirantes para un total de 271 prazas
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, o modelo definitivo de respostas dos distintos exercicios e as puntuacións provisionais da fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso na categoría de médico de familia de atención primaria.
Ofértanse, mediante o sistema de concurso-oposición, un total de 271 prazas para a categoría de médico de familia, das cales 126 corresponden á quenda de acceso libre, 132 a promoción interna e 13 á quenda de discapacidade xeral.
Estas 271 prazas engádense ás 42 prazas ofertadas no proceso selectivo de estabilización, mediante o sistema de concurso, para esta mesma categoría, proceso que xa foi resolto en xaneiro deste ano.
Presentáronse aos exercicios da fase de oposición 493 aspirantes, dos cales aprobaron 484 persoas, o que supón unha porcentaxe de aprobados do 98%.
O modelo definitivo de respostas, con indicación das preguntas anuladas e o seu motivo de anulación, así como as puntuacións provisionais obtidas polos aspirantes presentados aos distintos exercicios da fase de oposición atópanse publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).
A resolución abre un prazo de cinco días hábiles contados a partir do día seguinte á publicación (do 8 ao 14 de outubro), para que as persoas interesadas poidan presentar reclamación ante o respectivo tribunal de selección, unicamente de existiren erros na confección aritmética da puntuación obtida.
As reclamacións deberán presentarse nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e deberán dirixirse á sede do tribunal para os efectos de comunicacións, situada na Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde (Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela).
Habilitouse un enderezo de correo electrónico no que os aspirantes poderán dirixir as súas dúbidas ou consultas: oposicions@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamacións.
Próximas actuacións
Rematado o prazo de reclamación previsto na resolución, publicaranse no Diario Oficial de Galicia as puntuacións definitivas dos distintos exercicios e o acordo de finalización da fase de oposición.