O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, presenta hoxe no seu centro da Coruña a guía Claves Issga – Saúde integral e benestar laboral na peme, que ten como obxectivo servir de orientación para o desenvolvemento de programas e accións neste ámbito dentro das pequenas e medianas empresas. As persoas interesadas en acceder a este documento poden facelo na páxina web do Issga a través da seguinte ligazón.
A xornada de presentación de hoxe está destinada a actores cualificados no mundo da prevención e promoción da saúde como asociacións empresariais, mutuas, servizos de prevención e as sociedades de prevención de riscos laborais e medicina e enfermaría do traballo e nela participararon representantes do Issga e da Fundación Internacional ORP.
Na apertura do acto, a xerente do Issga, Adela Quinzá-Torroja, salientou a necesidade de tecer unha rede de alianzas e colaboración con estes axentes para para facer chegar ao persoal técnico e ás propias empresas e persoal traballador os contidos das campañas e documentación técnica elaboradas polo Issga. Nesta liña, especificou que esta presentación é o primeiro paso para difundir esta ferramenta coa que o Goberno galego intensifica a prevención de riscos laborais e a información sobre os beneficios dunha xestión integral da saúde dos traballadores.
Ademais, a xerente do Issga explicou que con este documento búscase atender a retos como o do absentismo laboral así como a outras cuestións relacionadas coa produtividade, e o estrés no traballo. De feito, esta publicación aborda cuestións como os programas de reincorporación ao traballo tras unha situación de baixa e os programas de saúde e benestar sobre os que inclúe suxestións de elementos clave a ter en conta como o fomento de prácticas e hábitos saudables, a implantación de campañas sanitarias, programas que faciliten a conciliación laboral e familiar.
Neste último caso, a guía tamén salienta os beneficios de implementar os programas de saúde e benestar no traballo como a mellora da saúde das persoas traballadoras, o aumento da produtividade e a retención de talento ou a mellora no ambiente laboral, entre outros. Tamén inclúe aspectos relacionados co benestar profesional, físico, mental e emocional, familiar e social e financieiro, contén exemplos de accións que resultaron ser eficaces nas empresas no ámbito da seguridade e saúde no traballo e consellos para a xestión do estrés, pautas para promover alimentación saudable nunha peme ou accións para fomentar práctica de exercicio físico regular.
A maiores, con este documento, o Goberno galego busca promover que as pequenas e medianas empresas se adhiran a iniciativas de recoñecemento de empresas saudables atendendo ao modelo de promoción da saúde definido pola Rede Europea de Promoción da Saúde no Traballo e plasmado na Declaración de Luxemburgo que define a promoción da saúde no traballo como xuntar os esforzos dos empresarios, os traballadores e a sociedade para mellorar a saúde e o benestar das persoas no lugar de traballo.
Estratexia de seguridade e saúde no traballo de Galicia: Horizonte 2027
Accións coma esta guía enmárcanse na Estratexia de seguridade e saúde no traballo de Galicia: Horizonte 2027, que fai fincapé na necesidade dunha boa xestión preventiva dos riscos laborais -entre outros- ante novas formas e escenarios de traballo. Neste contexto, outra nova ferramenta é o Laboratorio de riscos psicosociais impulsado entre o Goberno galego e a Universidade de Santiago de Compostela (USC), co fin de avanzar na saúde psicosocial das persoas traballadoras nas empresas galegas, abordando a saúde de xeito integral.