Así será a nova ponte peonil na área natural e recreativa de Cachamuíña

O pasarela substituirá a xa existente, eliminando as barreiras arquitectónicas nesta zona verde e de esparexemento da cidade e da súa área metropolitana

A Deputación de Ourense construirá unha nova pasarela peonil e habilitará un novo tramo do sendeiro no encoro de Cachamuíña, mellorando así a accesibilidade nesta zona verde e de esparexemento da cidade e da súa área metropolitana, eliminando as barreiras arquitectónicas existentes na actualidade. A execución do proxecto, xa adxudicado, comezará en próximas datas.

A nova pasarela substituirá á existente na actualidade, na cola do encoro de Cachamuíña, formando parte da ruta que rodea este espazo natural. A ponte actual presenta deficiencias por deterioro e, como consecuencia, ten elevados cusos de mantemento.

Ademais, para facilitar a accesibilidade en camiños naturais con tránsito de peóns e bicicletas como este é preciso cumprir cunha serie de requisitos que resolverá o novo paso. Así, a accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas convértese no motivo principal da nova construción.

Con este proxecto preténdese dotar ao espazo dunha solución que permita garantir unhas condicións de comodidade e seguridade óptimas para o usuario da ruta do encoro de Cachamuíña. Tamén ten como obxecto a mellora do aspecto estético do lugar e diminuír os custes de mantemento da pasarela actual, debido ao seu estado de deterioro.

Accións complementarias

A Deputación de Ourense, como entidade responsable da xestión deste espazo natural e recreativo, tamén ten prevista a dotación de máis servizos como a construción duns baños públicos e dun parque canino.

Precisamente, por ese labor de xestión do espazo, a institución provincial xa executou con anterioridade outros proxectos como os parques infantil, de calistenia e biosaudable; o parque da Igualdade; un novo aparcadoiro; e mailo espazo cedido pola Fundación CumLaude para engadir o ámbito artístico a esta gran área. Dotacións ás que se engaden actuacións de iniciativa privada como as cabañas de uso turístico inauguradas hai tres anos ao carón do encoro.

Comparte éste artículo
No hay comentarios