PSOE Pontevedra: “Rueda, cos orzamentos da Xunta volve estrangular á cidade co seu manual de tacañería e recortes”

por 21 Noticias

As contas anunciadas polo Goberno da Xunta para 2025 volveron caer como un xarro de auga fría para os intereses dos pontevedreses e pontevedreses. Os socialistas de Pontevedra lamentan que, «pese a seren un veciño ilustre desta vila», o presidente autonómico, o ‘popular’ Alfonso Rueda, «insista en mortificar e estrangular á nosa cidade aplicando o seu despiadado manual de tacañería e recortes».

Un manual que, en opinión do portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, e da parlamentaria Paloma Castro, «segue ao pé da letra a infame doutrina de asfixia inversora e ‘tesoiretazo’ predicada polos mesmos gurús neoliberais que inspiraron as políticas austericidas de M.Rajoy ou da señora Ayuso». «Parece que Rueda tampouco quixo aprender nada dunha lexislatura que, se algo nos amosou, foi que non só podemos saír dunha crise e dunha pandemia con medidas que non só reforzan o estado do benestar e protexen ao conxunto da poboación -sostén Puentes-, senón que ademais impulsan os investimentos, xeran máis emprego e riqueza e converten a nosa economía nun dos motores de Europa».

Para o líder do PSOE local, as contas autonómicas que o PP puxo sobre a mesa «significan un estancamento, mesmo unha regresión inversora», e supoñen «unha escandalosa marxinación dos cidadáns de Pontevedra». Ao seu xeito de entender, «resulta paradóxico que o presidente da Xunta unicamente evoque o seu ‘pontevedresismo’ cando chegan os períodos electorais e, sen embargo, se converta no peor inimigo desta súa cidade do corazón cando de investir nela e nos seus veciños se trata, protagonizando ano tras ano auténticos exercicios de racanería orzamentaria».

Puentes considera «totalmente insuficientes as achegas para unha liña que os socialistas sitúan entre as súas prioridades, como é a orientada á recuperación e restauración das ribeiras do Lérez, o río dos Gafos ou o rego de Valdecorvos». 

Coa finalidade de lograr que «a Xunta reflexione e faga unhas contas cando menos razoables», os socialistas de Pontevedra anuncian a súa intención de incluír na batería de iniciativas que o PSdeG presentará aos orzamentos autonómicos unha serie de emendas «que buscarán reverter a marxinación que padece a nosa cidade e outorgarlle o peso específico que merece como capital de provincia». Entre as grandes ‘ausencias’ que Puentes e Castro instan a recoller nos orzamentos para 2025 inclúense o proxecto de reurbanización de Monte Porreiro, a restauración ambiental do treito soterrado do río dos Gafos, a creación de áreas inundables no rego de Valdecorvos para mitigar os asolagamentos de Fernando Olmedo, o pavillón de ximnasia da Parda, o Plan de Usos do Hospital Provincial e a asunción da Unidade de Atención a Drogodependentes (UAD) polo Sergas.

Segundo sinala Paloma Castro, nesta lista de deberes pendentes que o Goberno do señor Rueda esqueceu de contemplar nos orzamentos «tamén botamos en falta achegas concretas para acometer a rehabilitación da ponte histórica de Ponte Sampaio e a mellora do Camiño Portugués ao seu paso polo concello». A nivel de infraestruturas deportivas, os socialistas lamentan que se reducira en case un 32% o orzamento en materia deportiva e solicitan partidas que permitan afrontar actuacións como dotar á praia do Lérez dunha escola de piragüismo, crear unha pista para slálom e práctica de descenso en Verducido e acometer a cuberta do pavillón de Ponte Sampaio.

Asemade, a parlamentaria do PSdeG por Pontevedra, considera «urxente e imprescindible que se destinen cartos a incrementar o persoal HADO (Hospitalización a Domicilio) na Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés e o persoal dos centros de Saúde da Parda e Monte Porreiro», así como «o número de educadores da Escola Infantil O Toxo». «É indignante -engade Paloma Castro- que a Xunta tamén continúe a racanear e a non priorizar a protección das vítimas do machismo, non recollendo nin un mísero euro para impulsar o convenio para creación dunha vivenda destinada a mulleres vítimas de violencia de xénero e a súa incorporación á Rede Galega de Acollemento».

Para Castro, nas contas tamén se botan de menos cartos que permitan executar as reformas das galiñas azuis da Parda e Monte Porreiro, moi demandadas por ámbalas comunidades escolares. Ao seu xeito de entender, as partidas económicas para o desenvolvemento de chan industrial en Pontevedra «resultan raquíticas e estrangulan o noso futuro asentamento e crecemento empresarial».

A Xunta comprometeu 3 millóns de euros para acometer a dragaxe da ría e do Lérez… Pero nos orzamentos só aparece unha achega de 100.000 euros

Aínda que o PSOE pontevedrés celebra que «cando menos, o Goberno do señor Rueda si decidise recoller por fin nos orzamentos para 2025 unha partida concreta para iniciar a dragaxe da ría de Pontevedra e do Lérez», o feito de que a achega contemplada sexa de só 100.000 euros (o compromiso inicial era de 3 millóns de euros) fai que os socialistas se amosen un tanto reluctantes sobre a xenuina vontade da Xunta de acometer esta demandada actuación. 

«Máis aló de anuncios, que por certo chegaron casualmente xusto despois de que o portavoz do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, esixira nunha visita a Pontevedra fondos para a dragaxe nas contas autonómicas, a cifra concreta que se contempla -afirma Iván Puentes- semella toda unha declaración de intencións: con 100.000 euros dubido moito que a vaian licitar en 2025 e todo apunta a que seguirán dándolle voltas para non facelo».

Asemade, o portavoz municipal do Partido Socialista agarda que a Xunta «determine un emprazamento para o depósito dos lodos que sexa realmente compatible coa normativa medioambiental e se poñan en marcha, de xeito efectivo, os traballos de execución, sen desbotar por suposto a posibilidade de que os lodos se traten en terra». «A suposta vontade -matiza- debe traducirse agora nunha proposta viable para o depósito e tratamento dos lodos».

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario