Cine, videoxogos e realidade virtual: así será o festival INTERSECCIÓN  

por Redacción A Coruña

O festival programará máis de 70 títulos procedentes de 16 países

INTERSECCIÓN – Festival Internacional de Cine de A Coruña inaugura este, martes 22 de outubro, á súa sétima edición apostando por unha programación internacional que reflicte as novas linguaxes cinematográficas. Cineastas, productoras, artistas, xurados, críticos de cine e axentes do sector cinematográfico estarán presentes en Coruña esta semana para participar no festival.

O festival levará o cinema a varios espazos culturais da cidade como o Teatro Colón, a Filmoteca de Galicia, a Fundación Luis Seoane, Palexco ou Cantones Cines. Neste último, o público poderá desfrutar dunha cervexa Estrella Galicia dentro da sala durante a proxección dos filmes

Clásicos Modernos é a nova sección do festival. O Teatro Colón acollerá a proxección en versión orixinal subtitulada de dúas películas que riman e crean ecos co traballo que está a realizar Total Refusal, colectivo no que pón o foco este ano o festival. «Sen Perdón» de Clint Eastwood (25 outubro – 20:00h), quizais o último gran western do cine americano e a obra mestra do seu director; e tamén «Miami Vice» (26 outubro – 18:00h), de Michael Mann, adaptación cinematográfica da famosísima serie dos anos 80.

INTERSECCIÓN organiza nesta edición unha retrospectiva do colectivo austríaco Total Refusal. Defínense como “unha guerrilla mediática pseudomarxista” centrada na intervención artística e a apropiación dos videoxogos convencionais para revelar o aparello político que se esconde detrás destes medios. 

Alén das seccións competitivas e as proxeccións habituais, INTERSECCIÓN programa a Sección Inmersiva, cunha instalación de realidade virtual do artista Sergey Prokofyev con obras que que van máis aló da experiencia bidimensional e buscan redefinir as narrativas. Podese visitar en Palexco durante todo o festival.

Ademais, proxectarase Miradas diversas, unha curtametraxe colectiva que resultada do taller inclusivo dirixido polo cineasta David Fidalgo. Un convite a achegarnos ao espazo urbano da Coruña e a forma de habitalo, construílo e compartilo. Proxectarase o martes 22 ás 18h na Filmoteca de Galicia.

Seccións competitivas

As seccións competitivas, Internacional, Galicia e Escolas traen á cidade 42 películas. A metade dos títulos chegan en exclusiva a Galicia con INTERSECCIÓN. Haberá sete estreas mundiais, nove estreas en España e oito estreas en Galicia. Unha oportunidade única para o público da cidade que poderá incluso ter a posibilidade de ver algunha das pezas que o vindeiro ano serán candidatas nos Goya, ao ser INTERSECCIÓN festival colaborador para estes premios. Os premiados na sétima edición de INTERSECCIÓN coñeceranse o sábado, 24 de outubro, na Cerimonia de Clausura.

O talento galego cobra tamén especial relevancia. A Sección Galicia acolle traballos de cineastas como Lois Patiño, Xacio Baño, Feyrouz Serhal, Inés Pintor, Hugo Amoedo ou Alba Domínguez entre outros. Nesta sección conviven películas monocanais e obras en formato expositivo na Fundación Luis Seoane. Os horarios das proxeccións pódense consultar en interseccion.gal

A Sección Internacional trae cinema de autor sen fronteiras e sen restricións. Unha mestura de xéneros, duracións e nacionalidades que mostran as correntes máis actuais e innovadoras dos cineastas nacionais e internacionais. Estarán en INTERSECCIÓN os últimos traballos de cineastas como Nelson Carlos dos Santos Arias, Martín Rejtman, Courtney Stephens, Travis Wilkerson, Eva Giolo, Kevin Jerome Everson ou María Cañas. 

Pola súa banda, a Sección Escolas descobre os primeiros traballos dos artistas que irrompen con forza na industria cinematográfica. Está programada polo colectivo Memoria Cinema.

NEXUS

Unha das principais apostas deste ano é NEXUS, o espazo de industria de INTERSECCIÓN. Os participantes poderán atopar encontros profesionais, paneis, presentacións e outras actividades que teñen como principal obxectivo facilitar os contactos e axudar a xerar sinerxias entre profesionais da produción e creación cinematográfica.

Ademais, INTERSECCIÓN levará a cabo un taller creativo de interpretación ante a cámara co recoñecido director e guionista de cinema galego Alfonso Zarauza.

Entradas

Todas as obras poderanse ver nas sedes do festival, a Filmoteca de Galicia, o Teatro Colón, Cantóns Cinemas, Palexco e a Fundación Luis Seoane. As entradas son libres ata completar aforo excepto para as sesións que teñen lugar en Cantones Cinemas. As entradas pódense adquirir na páxina web de Cantones ou de forma presencial nas taquillas. A entrada por sesión custa 3,5€ e o abono completo para acceder a todas as sesións ten un prezo de 10€. 

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario