Activistas ecoloxistas pecharon o terceiro Encontro ibérico sobre os impactos sociais e ambientais da minería co despregamento dunha pancarta xigante na mina de Touro para reclamar o fin da impunidade da minería.
Durante os tres días, do 1 ao 3 de novembro, que durou o Encontro, os colectivos participantes han feito unha posta en común dunha situación ambiental apremiante e elaborado estratexias de coordinación e apoio mutuo. Celebráronse distintos talleres de formación, charlas e debates sobre estratexias de defensa do medio ambiente e alternativas á minería. Presentouse o proxecto de creación dun Foro internacional contra o extractivismo, ao que xa se están sumando organizacións de varios continentes. Tamén se expuxeron os avances do Observatorio Ibérico da Minería, un proxecto apoiado polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, que mapea as malas prácticas do sector e que conta xa con máis de 100 casos documentados.
A localidade galega de Touro acolleu este terceiro encontro, organizado por Ecoloxistas en Acción, por ser unha zona xa moi degradada pola actividade mineira na que pretenden reabrir un proxecto mineiro que consideran calcado ao proxecto anterior que foi denegado en 2020 cunha declaración de impacto ambiental negativa polos seus previsibles impactos sobre o sistema fluvial do río Ulla.
Unha reapertura da explotación mineira que agora conta coa recente declaración de Proxecto de Interese Estratéxico por parte da Xunta de Galicia, a pesar de que, como sinala a organización ecoloxista, lonxe de emendar o proxecto anterior, Atalaia Mining e o seu filial Cobre San Rafael volven poñer sobre a mesa unha enorme balsa de 23 millóns de metros cúbicos de residuos tóxicos con 1,6 km de lonxitude e unha altura similar á da Catedral de Santiago.
«O depósito de residuos da mina de Touro estaría a menos de 300 metros do núcleo de poboación Arinteiro cuxa poboación sería aniquilada en caso dun accidente. De feito a instalación proposta sería ilegal en países como Brasil, Ecuador ou China» denuncia Cristóbal López, voceiro de Ecoloxistas en Acción.