O rival, o Oposita Marín Ence Peixegalego, é un dos firmes aspirantes aos primeiros postos Volve viaxar o Ineltrón Santo Domingo Betanzos, no seu periplo pola Tercera FEB Grupo AB, e desta volta toca visitar Marín para medirse ao Peixegalego, un dos máis senlleiros clubes en competicións da Federación Española de Baloncesto (con pasado recente en Leb Plata e mesmo Leb Oro) cun róster propio de ligas máis altas.
O equipo pontevedrés, dirixido por Javi Llorente, mantén boa parte do grupo de anos anteriores (con Cardito, Jacobo de Benito, Van Wijk ou Darmell Hogan) e suma varias fichaxes de altura como Barcia, o americano con pasaporte portugués Joseph Reilly ou o estadounidense Wildens Carl Leveque.
A dificultade da cita non lle escapa a Antonio Dóaz Doc, o adestrador dos betanceiros, que valora así a cita do sábado (20h) no pavillón da Raña: “Esperamos un partido de alta esixencia a nivel defensivo: Marín conta con moitos xogadores capaces de anotar. Tamén debemos ter máis acerto cara ao aro para non sufrir tanta anotación en contraataque, o que está a ser un dos nosos problemas nas dúas últimas derrotas”.
O partido, en principio, poderá seguirse atraveso da canle de Youtube do equipo pontevedrés.
Nutrida xornada para os demais equipos do Club e estrea dos benxamíns Polo demais, e tras a xornada a “medio gas” por Todos os Santos, a axenda da fin de semana marca competición para o groso dos equipos do Santo Domingo Betanzos.
Xogan os demais equipos sénior (o Grelo feminino o sábado contra Fontiñas en Santiago, o Segunda Autonómica masculino ese mesmo día na pista do Básquet Coruña e La Goleta, o equipo de Terceira, na casa o domingo contra CB Moneyball) e a práctica totalidade da canteira, con mención especial á estrea dos equipos benxamíns do club, o Santo Domingo Betanzos 2015 e o 2016.
Outros partidos interesantes son o das júnior de Infor-B contra Básquet Coruña (sábado 16h no Carregal), o dos júnior masculino fronte a Maristas (sábado 10h) ou o das cadetes do Decornaveira en Compañía de María. Os cadetes de Grelo xogan en Mera, os cadetes Rojo na casa o domingo contra Calasanz, as infantís de Warnier Informática esperan nas Mariñas o Maristas e o J. Caamaño Arquitecto de Primeira División Infantil recibe o sábado ás 12h ao Ensino Lugo.
A cita en mini pasa por un Coruña Interiores Santo Domingo Betanzos-Arteixo, en categoría feminina, e un Campus Xuncas Cambre-Santo Domingo Betanzos en masculina, ambos os dous partidos no Agra.