O Pride Positivo trae á Coruña o seu berro de indignación contra o estigma e a discriminación asociada ao VIH

Norte Cinema Diverso, Palestra e CASCO organizan unha xornada de cine e debate para reivindicar a visibilidade e a dignidade das persoas con VIH

Máis de 150.000 persoas viven en España con VIH. En Galicia, desde 2004, segundo o informe doCentro Nacional de Epidemioloxía do Instituto de Saúde Carlos III, 3.392 persoas coñeceron que teñen VIH. Aínda que o VIH non os define como persoas, moitas delas non o din publicamente por medo ao estigma.

Pride Positivo naceu en 2022 coa vocación de chamar a atención sobre a persistencia do estigma e a discriminación asociada ao VIH.  Nace de e para as persoas que viven con VIH. É o altofalante das súas necesidades, reivindicacións e loita pola equiparación dos seus dereitos.

O vindeiro sábado 30 de novembro, con motivo do Día Mundial da SIDA que se celebra o domingo, proxectaranse as curtametraxes 40 años alzando la voz e Volcánica. Será a partir das 12,00 do mediodía no espacio cultural Galgo Azul, na Avenida Gramela, e con entrada de balde.

40 años alzando la voz é un documental que fala do traballo realizado por ONG e asociacións para responder o estigma asociado ao VIH.

Volcánica é unha curtametraxe protagonizada por Aitana Sánchez-Gijón que aborda os estigmas e as súas interseccións, cunha ironía cargada de coherencia e sentido común.

A xornada enmárcase dentro do ciclo Miradas contra o estigma. Despois da proxección, charlaremos sobre as curtas e a realidade cotiá das persoas con VIH, coa participación de activistas de CASCO, o Comité Anti SIDA Coruña.

Esta é unha acción máis do festival de cine LGTBIQ+ Norte Cinema Diverso que, organizado pola asociación Palestra, vivirá en 2025 a súa terceira edición. Colaboran ademais Cesida, Cinemateca Pedro Zerolo e CASCO.

Comparte éste artículo
No hay comentarios