A Xunta convoca as axudas para facilitar a persoas desempregadas a asistencia aos cursos de formación para o emprego

por Redacción Galicia
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visita as instalacións do grupo Intaf de maquinaria industrial. Narón, 16/01/23.

O DOG publica hoxe as bases para acceder a estas bolsas que inclúen financiamento para os gastos de desprazamento, manutención, aloxamento ou conciliación e que contan cun orzamento de máis de 10 M€.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria das axudas directas para apoiar a participación de persoas desempregadas nos cursos para o emprego que está a impulsar o Goberno galego. Estas bolsas inclúen financiamento para os gastos de desprazamento, manutención, aloxamento ou conciliación e orzamento destinado á edición 2024/2025 destes apoios é de máis de 10 millóns de euros, cun incremento de 700.000 euros  -preto do 7,5%- con respecto ao importe inicial da última convocatoria, activa aínda ata final de mes.  

As solicitudes deberán presentarse no prazo dun mes desde a incorporación á acción formativa ou desde que teña lugar o feito causante da axuda. Polo tanto, o período que abrangue o prazo de solicitudes para esta convocatoria será para as accións formativas que se inicien entre o 1 de decembro de 2024 e o 31 de outubro de 2025, ambos incluídos. 

Con esta iniciativa, coa que se estima que se poidan beneficiar máis de 16.000 persoas sen emprego, a Administración autonómica galega concederá bolsas de asistencia a colectivos prioritarios que presentan especiais dificultades para a súa inserción laboral. Por iso, entre os posibles beneficiarios desta medida están persoas con discapacidade, vítimas de violencia de xénero ou con familiares ao seu cargo, ademais de integrantes de familias numerosas ou monoparentais.

As accións obxecto de apoio van desde os cursos dos centros propios da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e nas entidades e centros que imparten as accións formativas para desempregados impulsados pola Xunta, ata a participación nas unidades formativas das empresas -un programa que contará no 2025 cun orzamento de 8 millóns de euros-.

Detalles da convocatoria

Aos posibles beneficiarios destas bolsas de formación, a Xunta outorgará achegas de 9 euros por día de clase ao alumnado con polo menos o 33%  con discapacidade, así como a integrantes de familias numerosas ou de carácter monoparental. Estas axudas ascenderán a 10 euros por día para as vítimas da violencia de xénero que tomen parte nas accións.

O Goberno galego quere apoiar tamén a asistencia de persoas que teñan ao seu coidado fillas ou fillos, menores de 12 anos en acollida e/ou familiares con dependencia ata o segundo grado, ás que outorgará unha contía igual ao 75%  do Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (Iprem) diario que estea vixente, para facilitar a súa conciliación.

Ao igual que en anteriores ocasións, tamén se concederán achegas para o transporte en vehículo propio (20€/día de contía máxima), o uso do transporte público urbano ou interurbano (1,5€/día); de manutención (12€/día) se a distancia do domicilio supera os 20 quilómetros; e para aloxamento e manutención de ata 50 euros por día tanto para domicilios que disten 100 quilómetros ou máis ou nos que se careza de servizo de transporte que permita o traslado a diario.

Deste xeito, a convocatoria busca potenciar a empregabilidade das persoas beneficiarias, mellorando a cualificación para aumentar as oportunidades laborais, adaptándose ás novas realidades e demandas das empresas galegas a través dunha formación pegada ao territorio e con ferramentas como as microformacións. Con ese fin, desde o 2019, a Xunta leva investido máis de 41 millóns de euros nesta acción que  beneficiou no 2023/2024 a máis de 16.000 persoas.

Ligazóns á orde no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20241128/AnuncioG0767-151124-0001_gl.html
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario