O PP de Trabada condena as formas do alcalde: “En cada pleno reitera as faltas de respecto aos nosos concelleiros así como néganos o dereito á información ao non responder a nada” 

por Redacción Lugo

José María Fernández condena a actitude do rexedor que «fai un uso totalmente arbitrario» da normativa que rexe o pleno xa que «el pode falar e atacar indiscriminadamente e á oposición néganos a palabra con ameazas de cortarnos o micrófono senón respectamos as súas normas, que non as do regulamento do pleno»

Os concelleiros do PP de Trabada critican “as malas formas” do alcalde que, pleno tras pleno, “limita os nosos dereitos como concelleiros, negándonos o uso da palabra, non respondendo ao que se lle pregunta e empregando as quendas de palabra para atacarnos en lugar de para facilitar a información que se lle solicita”.

O voceiro municipal, José María Fernández, esixe ao rexedor “un cambio de rumbo” xa que “está a menoscabar os nosos dereitos como representantes públicos” e “do mesmo xeito que di que nós temos que cumprir as normas que rexen os plenos, el tamén o ten que cumprir”.

Neste senso, José María Fernández recomenda ao alcalde que “comece a ter responsabilidade no cargo e comece a responder ao que se lle pregunta en lugar de empregar esas quendas para atacar ao Grupo Municipal do PP e a min persoalmente”. “Basta xa de faltas de respecto”, sentenciou.

“As normas que rexen o pleno son as mesmas para todos e está totalmente fóra de lugar que o alcalde faga o que lle dea a gana coas quendas de palabra e que, cando nós temos o uso da palabra ameace con cortarnos o micrófono senón nos rexemos polas normas que a el lle interesan nese momento”, afirmou.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario