Esta charla forma parte do ciclo «Converxencia Verde para un Futuro Sustentable», que se enmarca nas actividades promovidas pola Cátedra UDC-Inditex de IA en Algoritmos Verdes.
A Universidade da Coruña acollerá o próximo martes, día 10 de decembro, ás 12:00 horas, na Sala Cloud do CITIC (Campus de Elviña, s/n), a conferencia «Innovación Responsable», a cargo de Alba Meijide, destacada consultora e deseñadora de proxectos de intelixencia artificial. Esta charla forma parte do ciclo «Converxencia Verde para un Futuro Sustentable», que se enmarca nas actividades promovidas pola Cátedra UDC-Inditex de IA en Algoritmos Verdes, un referente na integración da sustentabilidade no desenvolvemento tecnolóxico.
Alba Meijide, licenciada en Intelixencia Artificial pola University of Manchester, conta cunha ampla experiencia no deseño de solucións baseadas en IA aplicadas a diversos sectores, como a medicina, as ciencias da saúde, os efectos visuais, a animación, o turismo e o ámbito legal. Na súa intervención, abordará como a sustentabilidade pode e debe integrarse nos procesos de desenvolvemento da intelixencia artificial.
A charla afondará en como a IA pode contribuír a reducir o impacto ambiental, a través de aplicacións como modelos de predición de incendios ou ferramentas de análise do cambio climático. Ademais, exploraranse formas menos coñecidas, pero igualmente transformadoras, de empregar a IA para mellorar a eficiencia operativa e a sustentabilidade nas organizacións.
Alba Meijide ofrecerá exemplos prácticos de innovación responsable, reflexionando sobre a importancia do deseño eficiente de sistemas e arquitecturas de IA e o seu impacto positivo na transición cara a modelos empresariais máis sostibles.
A asistencia ao evento é de balde e aberta ao público, previa inscrición a través desta ligazón.
Cátedra UDC-Inditex de IA en Algoritmos Verdes
A Cátedra UDC-Inditex de IA en Algoritmos Verdes ten como obxectivo promover a investigación, a innovación e a transferencia de coñecemento no ámbito da intelixencia artificial e dos algoritmos verdes co fin de contribuír ao desenvolvemento sostible e á protección do medio ambiente, sendo algúns dos obxectivos específicos os seguintes:
• Desenvolver programas de formación en IA verde mediante.
• Promover a investigación e a innovación no ámbito da IA verde mediante a identificación de retos e o fomento da cooperación público-privada.
• Facilitar a transferencia e explotación dos resultados da investigación da cátedra mediante a comercialización de servizos e produtos e a creación de spin-offs.
• Promover a difusión dos resultados da investigación e do coñecemento en IA verde mediante a publicación de artigos e a organización de eventos e actividades de divulgación e ciencia cidadá.
• Consolidar a cátedra como referente no ámbito da IA verde a nivel rexional, nacional e internacional mediante a participación en eventos e grupos de traballo, a colaboración con outras institucións e a identificación de oportunidades de financiamento.
Un equipo de 20 persoas conforman a cátedra, 16 delas están adscritas ao CITIC da UDC. Do colectivo total, 10 son mulleres e 10 homes. Trátase dun grupo multidisciplinar “como é necesario na investigación en algoritmos verdes – sinala a investigadora principal do proxecto, Verónica Bolón- que require o apoio de grupos de investigación do campo da intelixencia artificial e da informática, de problemas medioambientais, e da investigación ética, social e económica”.
Para máis información, contactar coa Cátedra (catedra.inditex.algoritmos.verdes@udc.gal), o CITIC ou o Gabinete de Comunicación da Universidade da Coruña.