Recuperar a venda presencial nas tres estacións de Tui e conectar con Vigo e Portugal, superando a precariedade do tren Celta: entre as medidas que o BNG defende impulsar.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, visita a comarca do Baixo Miño ante o desmantelamento que está a sufrir en materia ferroviaria e o fechamento das estacións de Tui e Caldelas. A organización nacionalista aposta por recuperar o servizo ferroviario desde Tui para conectar con Vigo. Así mesmo, o deputado do BNG aposta pola conexión con Portugal, superando a precariedade do tren Celta a través dun servizo máis moderno.
O servizo ferroviario das tres estacións asentadas na comarca do Baixo Miño leva sufrindo un desmantelamento continuado durante os últimos 15 anos. A estación central de Tui, por exemplo, leva máis dunha década sen atención presencial e a día de hoxe non paran trens. Algo semellante ocorre na de Caldelas: abandonada desde hai 5 anos, sen venta de billetes e practicamente sen servizo. A estación de Guillarei é a única pola que pasa e para o tren Celta mais xa non dispón de atención persoal desde hai 5 anos e conta cun sistema de fechamento automático que supón un grave perigo para as persoas usuarias, quedando moitas veces encerradas dentro da estación.
Ante este desmantelamento, o deputado visita a comarca para coñecer de primeira man os problemas que supón para a cidadanía a perda destes servizos e anunciar o rexistro de iniciativas no Congreso para reverter esta situación. Néstor Rego estivo acompañado polos deputados do BNG no Parlamento de Galiza, Brais Ruanova e Paulo Ríos, as alcaldesas do Rosal, Ánxela Fernández, de Tomiño, Sandra González, e representantes institucionais do BNG no resto de concellos da comarca como Tui –coa voceira CarmenNúñez, Xosé Tato, Ánxela Estévez e Xosué Campos-, da Guarda –co voceiro Anxo Baze Xosé Manuel Rodríguez- e militantes do BNG de Oia. Todos eles participaron nunha reunión co ex-xefe da estación de Tui, Rafael Calvo de Mora, e traballadores e traballadoras de Comboios de Portugal.
“Nun momento en que se está apostando polo ferrocarril como medio de transporte do futuro, por ser máis eficaz, eficiente e sustentábel, o Goberno debe impulsar servizos ferroviarios nesta parte do País. Para iso, é necesaria a modernización das infraestruturas e garantir que Tui non quede excluído do servizo ferroviario con Vigo e Portugal” subliña o deputado nacionalista. En opinión de Rego, é vital para o Baixo Miño dispor dun servizo ferroviario en Tui que o conecte con Vigo para artellar a área metropolitana, e que ademais poña en valor o papel de Tui como entrada na Galiza desde Portugal, superando a precariedade do tren Celta e apostando pola modernización do servizo.
No concreto, reclama ao Goberno modernizar a liña convencional Vigo-Tui e negociar con Portugal para renovar o material rodante de Comboios de Portugal e aumentar as frecuencias de forma que, parando na estación de Tui, poidan estabelecerse conexións de proximidade co Porriño e con Vigo.
“Durante anos, o servizo ferroviario tudense foise deteriorando de tal xeito que se pasou de ter tres estacións operativas a, hoxe en día, só unha –Guillarei- que ten moitas deficiencias” denuncia Néstor Rego. Pola contra, o BNG, no canto de seguir a mesma liña que os sucesivos gobernos estatais, defende a necesidade de restabelecer e recuperar servizos ferroviarios e mesmo incorporar novos: “cabe a posibilidade dun servizo lanzadeira a horas punta para garantir a circulación de persoas entre Tui e Vigo” sinala.