O PP de Vilalba esixe ao goberno local que volva solicitar a declaración de festa de interese turístico de Galicia para a Feira do Capón “aportando a documentación necesaria para acreditar os requisitos”

por 21 Noticias

O PP vilalbés esixe ao goberno do Concello que solicitude outra vez a declaración de festa de interese turístico de Galicia para a Feira do Capón aportando a documentación esixida para cumprir cos requisitos que establece o Decreto 4/2015, do 8 de xaneiro, que regula estas declaracións.

Os representantes do Partido Popular mantiveron unha reunión coa asociación de criadores á que asistiu o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, onde manifestaron que “ningún vilalbés ou vilalbesa dubida de que o Capón é un emblema do noso concello igual que outros produtos gastronómicos ou a Torre do Parador, nin tampouco de que a súa feira anual é unha tradición do noso Nadal que lle debemos aos criadores e criadoras que a manteñen ao longo dos anos”, segundo manifestan os populares.

Así, engaden que “somos perfectamente coñecedores de que a Feira do Capón de Vilalba merece este recoñecemento e cumpre de sobra coas esixencias”, algunhas delas vinculadas á antigüidade, valor cultural e implicación de todo o pobo. Pero “todo isto hai que acreditalo de maneira formal. As cousas hai que facelas ben e o goberno local que encabeza a señora Rouco foi incapaz de xustificar formalmente e con documentación os requisitos que establece a normativa”.

Para os populares esta situación “é unha mostra máis da ineptitude deste goberno municipal” ante a que “a Xunta arquiva o expediente porque a entidade promotora que, neste caso, é o Concello de Vilalba, desistiu: non continuou co procedemento ao non aportar a documentación que se lle requiriu e se lle detallou”.

Dende o PP local desmenten á alcaldesa e “o seu discurso demagóxico contra o Goberno autonómico: a Xunta de ningunha maneira denega a declaración”. É máis, na propia resposta remitida ao Concello aclara que non hai impedimento para presentar unha nova solicitude de declaración de festa de interese turístico de Galicia, segundo a normativa reguladora.

USO PARTIDISTA DO CAPÓN

Dende o PP de Vilalba sinalan que “o que non se pode é facer as cousas mal e pretender botar as culpas a outros que o único que están a facer é, como lles corresponde, esixir o cumprimento da lei en igualdade de condicións” para tódalas solicitudes de declaración de festa de interese turístico. Para os populares “é o colmo que a señora alcaldesa o faga mal e, aínda por riba, pretenda enturbar”.

Os populares lamentan que “a falta de 15 días para a celebración da Feira do Capón na que se recolle o traballo de todo un ano; en lugar de estar falando da calidade e singularidade do produto, da tradición, do significado do Capón para Vilalba e de promocionar a súa feira, a propia alcaldesa o estea a utilizar cunha finalidade partidista. Debería ser todo o contrario se realmente quixera o mellor tanto para a Feira do Capón como para os intereses de tódolos vilalbeses e vilalbesas”.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario