Cun período de duración de catro anos, enmárcase no Programa Marco Horizonte Europa e conta cunha financiación de 8 millóns de euros.
O grupo de Visión Artificial e Recoñecemento de Patróns (VARPA) da Facultade de Informática da Universidade da Coruña será o coordinador do paquete de traballo de Intelixencia Artificial relacionado cos casos de uso en contorna real en diversos sectores no proxecto europeo ACHILLES.
Esta iniciativa europea está composta por un consorcio de 16 organizacións punteiras para desenvolver un proxecto pioneiro dedicado a remodelar o futuro da Intelixencia Artificial (IA) facéndoa máis ética, explicable, robusta e segura.
Cun financiamento de máis de 8 millóns de euros, enmárcase no Programa Marco Horizonte Europa, e pretende abordar o “talón de Aquiles” da IA: a eficiencia, seguridade e confianza. ACHILLES parte da idea de que unha vez que IA se integra na vida cotiá, aumenta a preocupación pola transparencia, o uso ético e o consumo enerxético.
Por iso, obxectivo básico é crear sistemas que non só sexan máis eficaces e eficientes, senón tamén eticamente responsables, transparentes e plenamente conformes coa normativa.
ACHILLES aborda estes retos introducindo formulacións innovadoras e apoiando o desenvolvemento de sistemas de IA “máis lixeiros” (máis sostibles e eficientes), “máis claros” (transparentes e fáciles de entender) e “máis seguros”(robustos e conformes ás normas éticas e xurídicas). Farao a través de aplicacións reais en diversos sectores, como a sanidade, a verificación de identidades, ou o ámbito farmacéutico.
Estes estudos de casos ilustrarán o impacto práctico de ACHILLES e a súa adopción en todos os sectores, demostrando a súa capacidade para apoiar o liderado de Europa nunha IA responsable e centrada nas persoas.
A participación de Universidade da Coruña a través dos investigadores de VARPA, posiciona novamente a Galicia e A Coruña como vangarda europea na utilización da IA de maneira non teórica, senón aplicada e fiable, en total consonancia coa nova regulación europea.