A alcaldesa, Inés Rey, destacou o valor do calendario como símbolo do patrimonio social e cultural da cidade.
O Concello da Coruña entregou hoxe os premios do Calendario Municipal 2025, nun acto celebrado no Palacio de María Pita. A alcaldesa, Inés Rey, presidiu a cerimonia, na que destacou o simbolismo deste proxecto como reflexo do patrimonio social e cultural da cidade: «Estas instantáneas recollen momentos, escenas cotiás que mes a mes configuran a nosa vida. A que este ano denominamos con orgullo para a proxección nacional e internacional como Cultura de Vivir», subliñou Rey.
As trece fotografías seleccionadas, realizadas por autores e autoras afeccionados, amosan diferentes perspectivas da cidade no calendario xa dispoñible nos quioscos da cidade. Ademais, a alcaldesa lembrou que nesta edición o título que encabeza o calendario, «Cidade habitada polo vento», é unha cita extraída da obra Os libros arden mal (2006) de Manuel Rivas, galardoado co Premio Nacional das Letras 2024: «Unha cita que lembra a nosa cidade como aberta, dinámica e chea de vida, parte clave da nosa identidade».
As persoas premiadas recibiron dous libros de fotografía e un ano de acceso gratuíto aos Museos Científicos Coruñeses. O xurado encargado de avaliar as propostas estivo composto polos fotoxornalistas César Quián, Víctor Echave e Pedro Puig, ademais de Andy Pérez, responsable de fotografía do Concello, e os membros da corporación Nereida Canosa, Roberto Coira e Francisco Jorquera. As fotografías seleccionadas complétanse coas imaxes do Arquivo Municipal, que enriquecen cada mes con instantáneas históricas da cidade.
Os gañadores desta edición son:
- Portada: Marcos Queiro, Cidade habitada polo vento.
- Xaneiro: Soraya Sampedro Bores, Noites máxicas.
- Febreiro: Daniel Martí, Música de Entroido.
- Marzo: Javier Castelo, Cemiterio das palabras.
- Abril: Marcos Gestal, Arcos da luz.
- Maio: Chencho Mendoza, A Coruña marítima.
- Xuño: Eduardo Mosqueira Rey, Xente nova, leña verde.
- Xullo: Mónica Rial Dosil, Amor milenial.
- Agosto: Alberto Quijada Loures, Sol de agosto.
- Setembro: Luis Cagiao Rodríguez, Ola, caracola!
- Outubro: Ana Fernández, Queixume dos pinos.
- Novembro: Manuel Candal, Camarote con vistas.
- Decembro: Alberto Pereiras Pena, Cidade de luz e cristal.
Rey agradeceulle aos participantes a súa contribución ao concurso e reivindicou o seu talento seu talento e creatividade: «Cada unha das vosas fotografías representan unha historia, un momento único, unha visión persoal que nos fai reflexionar sobre a riqueza da nosa cidade e o seu potencial. A Coruña é unha cidade habitada polo vento… pero tamén polo talento e a paixón da súa xente».