A Xunta amplía un 25% o orzamento para as axudas ao autoemprego das persoas retornadas

Ata a data, xa se puxeron en marcha preto de 800 proxectos, téndose investido máis de 5 millóns de euros en beneficio de persoas cunha media de idade de 41 anos

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a resolución da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración mediante a que se amplía nun 25% o orzamento destinado ás subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora das persoas emigrantes galegas retornadas. Esta ampliación permitirá cubrir a alta demanda dun programa que neste 2024 concede 150 axudas grazas a este incremento.

O importe inicial recollido na convocatoria era de 1 millón de euros, unha cantidade que agora se eleva ata os 1.230.000 euros para atender máis solicitudes de persoas retornadas interesadas en emprender en Galicia.

Un apoio clave para fomentar o emprendemento

As subvencións ao autoemprego constitúen unha das principais ferramentas da Xunta de Galicia para favorecer a inserción laboral das persoas retornadas, ao mesmo tempo que se impulsa o tecido empresarial galego. O programa permite financiar iniciativas emprendedoras en sectores diversos, contribuíndo á creación de emprego e ao desenvolvemento económico nas distintas comarcas galegas. A Arxentina, Cuba, Venezuela ou o Reino Unido son os principais países de onde veñen.

As axudas son de 6.000 euros, aumentables en 1.000 € se a persoa beneficiaria é muller, e noutros 3.000 € se a empresa se pon en marcha nun concello rural. Deste xeito, unha persoa solicitante pode obter ata 10.000 euros de apoio para a posta en marcha do seu negocio, de maneira que poida fixar a súa residencia e integrarse social e laboralmente realizando as súas actividades empresariais e profesionais e favorecendo, ademais, o desenvolvemento do tecido empresarial de Galicia.

Estes apoios permitiron que nos últimos anos se destinasen desde o Goberno autonómico máis de 5 millóns de euros á posta en marcha de preto de 800 proxectos empresariais en Galicia de persoas cunha medida de idade de 41 anos.

Coa ampliación orzamentaria, reafírmase o compromiso con aquelas persoas que apostan por regresar a Galicia e construír o seu futuro profesional na súa terra de orixe. Estas axudas enmárcanse dentro da Estratexia Galicia Retorna, que busca transformar o retorno nun motor de crecemento demográfico e social.

Estratexia Galicia Retorna

Iniciativas coma esta facilitan o acollemento aos emigrantes retornados que desexen iniciar unha nova vida en Galicia e entre elas tamén están as Oficinas Integrais de Asesoramento e Seguimento ao Retorno con sede nas principais cidades galegas e nas que as persoas interesadas se poden informar de todo tipo de axudas ao retorno.

A Xunta de Galicia, a través da Estratexia Galicia Retorna, continúa a traballar para ofrecer oportunidades reais de retorno aos galegos do exterior, con especial atención ao fomento do autoemprego e á creación de novos proxectos empresariais que fortalezan o tecido económico da nosa comunidade.

Ligazón á resolución no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20241216/AnuncioG0767-111224-0001_gl.html

Comparte éste artículo
No hay comentarios