«Neste ano no que Felipe VI visitou a nosa Comunidade máis que nunca, e no que acollemos á Princesa Leonor, demostrou que é o Rei que merecemos e necesitamos», reivindica
A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, asegurou hoxe que no discurso que ofreceu a pasada noite o Rei Felipe VI veu representada á «Galicia real» que os galegos e galegas elixiron maioritariamente o 18 de febreiro, nas eleccións autonómicas, e que segundo as últimas enquisas publicadas «seguen apoiando con firmeza».
«Desde o PPdeG imos seguir impulsando esa Galicia na que cre a gran maioría, para que o noso futuro siga soando ben», subliñou.
Nun ano no que houbo partidos que apoiaron o veto ao Rei na toma de posesión da nova presidenta de México e outros que seguiron alimentando a desigualdade entre territorios, lembrou Paula Prado, os populares galegos defenden «a Galicia real que é leal á Constitución, que cre na fortaleza do modelo autonómico, e que simbolizan á perfección os presidentes Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feijóo».
Na súa opinión, neste 2024 no que Felipe VI visitou Galicia máis que nunca, e no que a nosa Comunidade acolleu en Marín á Princesa Leonor, o monarca «demostrou que é o Rei que os galegos e galegas merecemos e necesitamos».
«Conseguiu unha vez máis representar co seu discurso aos que compartimos os valores de unidade, concordia e respecto», concluíu Prado, e sinalou que o PPdeG celebra tamén «a súa reivindicación do ben común como principio reitor na política», así como «a súa defensa da Constitución».