O pasado día 9 de novembro achegámonos á Casa da Cultura da vila chairega da Feira do Monte-Cospeito, centro e corazón desta Terra Cha silandeira, mais tamén de resistencia, símbolo encarnado nos seus aínda ergueitos muros pétreos da Torre de Caldaloba, na que dona Constanza de Castro fixo fronte con bravura ao asedio dos mandados polos Reis Católicos; conxunto poboacional levantado no cume dun páramo de enveixábel potencial urbanístico, a carón da mítica “Cidade de Valverde”, a que segundo a lenda atópase mergullada baixo as augas da súa lagoa, unha paraxe natural que lle dá especial encanto e interese a esta vila. Non había feira, mais sí un numeroso grupo de persoas agardando coñecer directamente a historia de dúas mulleres vítimas da desaparición forzada de dous seres queridos: o caso de Élida Ares á que o 13 de setembro de 1962 roubáranlle unha filla ao nacer no hospital de San José; e Amelia García Rozas, a que tamén busca unha irmá desaparecida da Casa Cuna, institucións sanitaria e asistencial situadas na mesma contorna, pertencentes á Deputación Provincial de Lugo. Non saben como se produciron aqueles vergoñentos feitos e moitos outros acreditados dos que tivemos coñecemento, pois ninguén lles dá razón fidedigna do que realmente pasou coas vidas daquelas dúas criaturas, ou se de verdade finaron como así se lles quixo facer ver por medio dalgún documento manipulado e contraditorio.
Para Élida, que se atopaba convalecente dun accidente doméstico, vir a Cospeito era algo especial e emotivo, pois significaba voltar ao concello do que era veciña cando sucederon aqueles feitos que ían marcar toda a súa vida. Os que estábamos ao seu carón e que a coñecemos ben, sabíamos que o seu silencio era máis elocuente que o que nos podía dicir con palabras. Malia a todo, ela quixo estar alí presente para dar a coñecer ás antigas veciñas e veciños a súa historia. Unha historia que fixo pública cansa de tanto calar e sufrir, oculta no seu silencio imposto. Quixo saír ao exterior, berrar e berrar, co anceio de que o eco da súa voz poda chegar algún día ao lugar onde se atopa aquela nena que non puido coidar e amar ao seu carón. E neste íntre, xa no atardecer da súa vida, confórmase soamente con saber “ que está viva, falar con ela e dicirlle que eu non a din a ninguén, sacáronma. Simplemente con iso, o seu irmán máis eu estaríamos conformes”. Ben pouco é, despois de tanta loita e sufrimento!
Neste acto non houbo recepción oficial, mais sí unha anfitriona de luxo que supriu de xeito abondoso calquera outra norma de protocolo, Felisa García Castro, integrante da asociación veciñal de Santa María de Cospeito, entidade organizadora deste evento, docente emérita e viva encarnación da loita na defensa das cousas xustas e nobres. Unha honra!
Comeza o acto coa presentación do documental “NO SE OYE” no que Élida Ares é a principal protagonista, sobre a que xira esta cortametraxe, unha produción elaborada e dirixida polo alumnado da escola das TICs (Tecnoloxías da Información e Comunicación) da Deputación Provincial de Lugo, traballo que foi gañador do “Premio Escuelas de Imagen y Sonido al mejor cortometraje documental”, alumnos que tiveron a ousadía de elixir este arripiante feito, producido outrora no mesmo lugar onde reciben formación técnica e académica, a antiga Casa Cuna; unha contribución á lembranza e visualización da memoria histórica dunha época escura que nos tocou vivir, a que para o meirande público fica no esquecemento; un xesto xeneroso e de solidaridade con todas as vítimas que seguen peregrinando na procura do eslabón perdido e da identidade biolóxica roubada. Unha débeda sen resarcir do noso proclamado Estado de Dereito.
Este documental non se trata dun filme con actrices profesionais para narrar unha historia real ou ficticia. Non, son vítimas sen maquillaxe nin guión preestablecido que contan a súa truculenta historia, crúa e real. A súa emoción e sufrimento non son finxidos, é o sentimento que abrolla do fondo das súas entrañas. De aí que o silencio, respecto e empatía do público chairego presente neste acto, foi a nota dominante.

Mais tamén para describir e contrastar a realidade e obxectividade dos feitos producidos naquelas dúas institucións públicas de triste memoria, os organizadores do documental quixeron contar con outras opinións e pareceres, e atinaron. Para elo, intruduciron a outra protagonista R.T.P., unha comadroa que arribaba no devandito hospital de San José aló polo ano 1968. Esta sanitaria lucense, con experiencia acreditada no seu oficio, pois xa viña de exercer este labor no hospital Santa Cristina de Madrid, un centro con moita sona por denuncias de casos do teor que versa este documental, feitos que esta profesional afirma ter visto no hospital madrileño, ao tempo que nega categóricamente que en Lugo se fixeran este tipo de cousas na súa etapa no San José. Outra das intervintes é Sabela Gayoso, Arquiveira da Deputación.
A intervención desta sanitaria no documental, denota unha clara vontade negacionista, afirmando que feitos coma os que se recollen nesta curtametraxe, así como en “El robo de bebés en Lugo” (da miña autoría) na súa época no citado centro hospitalario, non se teñen producido, afirmación que, en modo algún, se axusta á realidade dos feitos investigados anteriores á súa chegada (caso de Élida) e tamén posiblemente na súa época (caso de Josefa Boo), tanto neste centro coma na Casa Cuna, pois sería máis coherente dicir que non lle constaba. Mais tamén cómpre entender o duro que sería recoñecer feitos de tal teor, xa que estaría na obriga, alomenos moral, de denuncialos, feito do que non temos coñecemento. Pero non quedaron aí as súas reveladoras e sorprendentes testemuñas, que non deixan indiferentes a ningúen, descoñezo, naturalmente, se foi o seu afán erudito ou unha simple traizón do seu subconsciente, o certo é que describen con todo luxo de detalle o modus operandi, incluso dando o nome e apelido dun coñecido e influínte médico lucense, relacionándoo cunha daquelas “adopcións exprés”, cociñadas por aquelas calendas dende o Pazo de San Marcos. Os trámites consistían, asegura esta profesional:
Ir a la Diputación, y allí se hacía todo el papeleo y se lo llevaban. No había más trámites
“ Incluso en una ocasión, el Dr. (…) me dijo a mi compañera y a mi, si tenéis algún niño en adopción me avisáis que tengo unos amigos en Valencia y quieren uno, y lo avisé yo a las seis de la mañana, y me dijo a las ocho voy a la Diputación”.
“ En otra ocasión, la hermana de una compañera del San José, yo le avisé de madrugada, mira ha nacido una niña para adoptar. Ella fue a las ocho de la mañana a la Diputación, arregló los papeles y se la llevó”.
Esta sanitaria detalla igualmente que en Lugo hai varios adoptados por aquel sistema e que moitos ían para Valencia, dato que concorda con outras investigacións, incluso algúns teñen contactado con este medio de comunicación, deixando testemuña da súa experiencia vivida nos devanditos centros.
Outra manifestación sinceira e reveladora, aínda que non menos decepcionante polo realismo do seu fondo e contido, é a que nos ofrece no documental Sabela Gayoso, Arquiveira da Deputación, cando se refire á base documental daquel tipo de adopcións “Eso facíase sen papeis, por detrás, sen papeis oficiais. Documentación non imos ter”.
Estas foron algunhas das súas manifestacións, e de vostedes prezados lectores e lectoras, son as conclusións.
Caso de Josefa Boo
Malia a tales afirmacións sobre aquela época dourada na que traer un fillo ou unha filla a este mundo era cuestión de presentarse ás oito da mañá na Deputación e, sen máis trámites, saías con él ou ela no colo , ben por adopción ou incluso biolóxico/a, que de todo houbo. Se era por morte simulada do bebé, o lóxico era que fora entregado como biolóxico, aínda que a nai fora estéril. Milagres da natureza! Un caso que reúne todos os ingredientes (moi semellante ao de Élida Ares) é o vivido por Josefa Boo Albar, a que na tarde do 14 de setembro de 1980 percibe os síntomas de parto do seu terceiro embarazo e, urxentemente, é trasladada en taxi con destino ao hospital provincial San José. Mais a nasciturus, unha nena con abondante cabelo e ollos semellantes aos dun dos seus irmáns ao nacer, non quixo agardar a chegar ao hospital, e xa preto de Lugo e coa axuda dos familiares que a compañaban, entre eles a súa sogra, prodúcese o parto no mesmo taxi. A continuación (18 hs.) ingresa no devandito hospital co número 35856, Sá 205, cama A), para seguiren os correspondentes coidados posparto. Unha vez instalada e recibida a primeira atención, tráenlle ao seu bebé para darlle o seu primeiro biberón, feito que se produce con toda normalidade, sen observar súa nai ningunha malformación fisiolóxica nin doutro tipo na súa nena, senón todo o contrario, pois así llo fai constar cunha expresión de xúbilo a enfermeira que lla trae. Aquel sería o último contacto entre nai e filla, pois antes da segunda toma comunícanlle a morte do seu bebé.
A partir daquel intre, Josefa nin a familia reciben ningunha outra información sobre aquel bebé, nin tan sequera a relativa á súa inhumación, e tampouco constancia en rexistro algún. Un ser borrado da face da terra.
O único documento co que conta esta nai, é un informe do Servizo de Obstetricia do hospital xeral San José, con abondantes erros e irregularidades que chaman poderosamente a atención. Por exemplo, no referido aos datos da paciente, no segundo apelido figura “Malbar”, cando o correcto é Albar; a súa data de ingreso no hospital, figura o 13 de setembro de 1979, cando a data real é o 14 de setembro de 1980; consta igualmente que a expulsión fetal, ou sexa o nacemento da súa filla, “realízase en la camilla”, cando en realidade foi no asento do taxi. Erros e irregularidades que á luz dos antecedentes daquel centro hospitalario, non semellan fortuítos, senón deliberados, xa que inducen a confusión e dificultade á hora de posibles investigacións, feitos constatatados en abondosos casos reflictidos en traballos de probada solvencia académica.
A partir daquel triste suceso, Josefa volta a Suiza, país onde emigrara uns anos antes, unha circunstancia que lle dificulta, malia habelo tentado, facer as pescudas necesarias sobre o destino da súa filla. Unha vez de volta á terra, e cada vez máis convencida do roubo do seu bebé, contacta con SOS Bebés Robados-Galicia, unha asociación adicada a esta difícil tarefa. Ata o de agora non houbo resultados satisfactorios. Agardamos que con esta publicación e outras que podan producirse, contribúan a tal obxectivo.
Voltando ao caso de Élida Ares, a que despois do longo peregrinar na procura da súa filla, ademais de moita angustia e sufrimento, só conta con un documento do Servizo de Obstetricia do hospital San José, claramente manipulado, no que se pode ler no correpondente apartado de “Sonidos fetales 140 “ ( frecuencia cardiaca normal dun feto), logo por enriba e seguindo a gráfica numérica, superpóñenlle: “NO SE OYE”, nome que lle dá título ao citado documental; máis adiante no capítulo de “Viabilidad” do mesmo documento, pode lerse “Mala” e logo superposta a palabra “Muerta”. E xunto a este documento-trampa, tamén conta cunha información que lle achega nunha ocasión aínda non lonxana un coñecido médico lucense, do que Élida era paciente, informándolle que a súa filla fora enviada a Castellón, e que non lle podía dar máis información. Este médico finou fai uns meses, levando consigo ao seu sartego aquela valiosa información, e tamén un bo anaco da esperanza desta nai. Esta fonte era moi verosímil, pois este médico era fillo dun funcionario de carreira e que desempeñou durante anos un cargo de dirección nun dos centros asistenciais de menores da Deputación Provincial de Lugo, feito que lle facía acreedor de memoria e posiblemente de datos de gran valor para o escrarecemento deste e doutros casos.
Cómpre facer un chamamento á Igrexa Católica
Non nos cabe dúbida da existencia de valiosa información e memoria en mans de particulares, moitos deles familiares descendentes de funcionarios sanitarios e da rede asistencial da Deputación, tamén daqueles encargados de arranxar os papeis que cita a antiga comadroa, persoas que poden axudar nesta causa humanitaria, aliviando a dor e, na medida do posible, a reparación de tanto dano causado.
Neste senso, cómpre facer un chamamento á Igrexa Católica , unha fonte de imprescindible información, memoria e acompañamento ás vítimas. Unha extraordinaria maneira de dar testemuña da súa fe, o AMOR AO PRÓXIMO, a centralidade e fundamento do ser cristiá. Non o esquezamos.
Cando estaba a preparar a publicación sobre o roubo de bebés en Lugo, achegueime ao correspondente organismo da Xunta de Galicia que por razón de materia corresponderían aos casos nos que estaba a traballar, ao obxecto de acadar a información xurídica e material aplicable a aquelas persoas que buscan as súas orixes biolóxicas, tamén daquelas nais, pais e irmáns que buscan aos seus descendentes e colaterais que puideron ser obxecto dunha presunta desaparición forzada. Fun recibido por tres funcionarias con cualificación profesional, tratado con toda corrección. Mais teño que dicir que as miñas preguntas foron máis elocuentes cás súas respostas, e que dicir das expectativas que tiña postas na nosa Administración autonómica. A miña sensación foi de desacougo, e cavilando como se atoparían as persoas directamente afectadas por estes feitos cando se achegan a unha administración. En resumo, as súas lacónicas respostas foron: “ … as persoas que se atopan antes de tal reforma (…), non contamos con datos “. As persoas ás que se referían estas funcionarias son a inmensa maioría dos afectados por estes feitos. A miña reacción foi de súpeto e interpelei: pero hai persoas, que facemos con elas? Deixámolas no limbo? Obviamente, non houbo resposta.
A partir daquel intre tomei conciencia da dimensión do problema, tamén das responsabilidades que lles asistía e asiste aos nosos lexisladores, con evidentes connotacións no ámbito xurisdicional, no que se manifesta e materializa a falla de amparo legal efectivo para este tipo de casos, tamén para facilitar o encontro, así como para evitar que os delitos de feitos probados queden impunes, tal como sucedeu no coñecido caso de Inés Madrigal, do que era suxeito xusticiable o dr. Vela. Un caso de gravísimos feitos probados que chegou ao Tribunal Supremo, que ratificou o seu arquivo, impoñéndolle as costas á vítima. Un escándalo.
Visto o cal, cómpre dicir alto e claro, señores lexisladores, os feitos deste teor e que afectan á dignidade da persoa e aos dereitos que como tal lles son inherentes, son ou deben ser inalienables e imprescriptibles, pois a súa dignidade así llo esixe. Por elo, o acto de Cospeito foi un claro alegato reivindicativo, no que se puxeron de manifesto as eivas legais que afectan a este numeroso colectivo, sumido no máis absoluto desamparo á hora de facer efectivos os seus dereitos.
Non é a primeira vez que teño abordado esta cuestión, poñendo de manifesto a flagrante omisión lexislativa que afecta aos dereitos fundamentais recoñecidos na nosa Carta Magna, e tamén na propia Carta das Nacións Unidas que lles impón aos Estados a obriga de promover o respecto universal efectivo dos dereitos e liberdades fundamentais, imperativo do Dereito Internacional polo que cómpre lembrar o que a tal efecto establece o artigo 10.2 da Constitución Española “ As normas relativas aos dereitos fundamentais e ás liberdades que a Constitución recoñece interpretaranse de conformidade coa Declaración Universal de Dereitos Humanos e os tratados e acordos internacionais sobre as materias ratificadas por España “.
A omisión lexislativa invocada non é, pois, unha apelación retórica, senón unha figura xurídica e doutrinal deducible en determinados casos, o que nos ocupa pode estar dentro dos seus parámetros, tese que veño sostendo en varias publicacións e foros. A definición máis acaída desta figura é a que fai Mª Luisa Balaguer Callejón, catedrática de Dereito Constitucional da Universidade de Málaga e actual Maxistrada do Tribunal Constitucional “Serán inconstitucionales aquellas omisiones del legislador que dejen fuera de la cobertura de la norma sin justificación, a aquellas personas o grupos que cumpliendo los requisitos exigidos, no se beneficien de ese derecho, por la sola y arbitraria exclusión legal”. Para complementar tal definición, a profesora Balaguer apela a outro concepto do tamén profesor J. Díaz-Revorio, que define “ Aquel silencio legislativo (como aquella regulación legislativa incompleta o parcial) que produce consecuencias no queridas por la Constitución, por tanto puede considerarse que es objeto de una prohibición Constitucional”.
Resulta claro e ostensible que, o colectivo que se atopa na situación descrita, pesa sobre él unha discriminación que afecta á súa dignidade e aos seus dereitos constitucionais, situándoo fóra da cobertura da norma sen xustificación, ben por unha regulación lexislativa incompleta ou parcial, ou, no seu caso, pola ausencia dunha lei que ampare tales dereitos. A proba máis palmaria témola nas propias resolucións xudiciais. Sobre este teor, sabemos que fai máis dun lustro foi presentado un proxecto de lei no Congreso dos Deputados, incluso declarado para a súa aprobación polo procedemento de urxencia, aínda non viu a luz.
Como poidemos ver, o precepto constitucional invocado (ar. 10 de CE) alude aos tratados e acordos internacionais sobre as materias ratificadas por España. Pois ben, aí temos a CONVENCIÓN INTERNACIONAL PARA A PROTECCIÓN DE TODAS AS PERSOAS CONTRA AS DESAPARICIÓNS FORZADAS, feita en Nova York o 20 de decembro de 2006, aprobada e ratificada polo Reino de España o 14 de xullo de 2009 (feito que lle dá rango de Lei de obrigado cumprimento), e seguindo o rito formal de todo acto de sanción e promulgación das leis, o Rei promete cumprila, observala e facer que se cumpra e observe puntualmente en todas as súas partes. Pois, Maxestade, nin se cumpriu, nin se observou, e aí está feita unha adoescente de 15 anos e sen estrearse; mais sí cumprindo outro papel, o de facer ver ao mundo que o seu reino se preocupa deste tipo de cousas.
Este acordo, pola súa propia natureza e por mandato constitucional, obriga aos nosos lexisladores facer unha transposición dos dereitos recollidos nesta norma, modificando moitos dos aspectos legais vixentes do noso ordenamento xurídico, non queridos pola Constitución Española, que exclúen e discriminan a este colectivo. Un obxectivo doado de cumprir, xa que as bases xerais téñenas fixadas no articulado vinculante desta Convención.
Non obstante, a transposición urxente desta Convención á lexislación española, deberá ter especialmente en conta a situación de excepcionalidade imperante durante o réxime totalitario (1939-1978), con falla de liberdades, dereitos e de respecto á dignidade da persoa, época en que se produciron a meirande parte dos feitos que vimos denunciando; realidade que deberá recoñecerse facéndose subsumible aos contidos deste tratado internacional.
A modo de resumo, cómpre sinalar algúns aspectos máis importantes deste tratado internacional:
O artigo 2 define a desaparición forzada “o arresto, a detención, o secuestro, ou calquera outra privación de liberdade que sexan obra de axentes do Estado, ou de persoas que actúan coa autorización, apoio ou aquiscencia do Estado, seguida da negativa a recoñecer dita privación de liberdade ou ocultamento da sorte ou paradeiro da persoa desaparecida, sustraéndoa á protección da lei “. Non cabe dúbida que o método utilizado na desaparición de bebés en Lugo, método que ilustra o modus operandi doutros lugares de España en toda a época que vai dende finais da Guerra Civil ata xa entrada a democracia (caso de Josefa Boo). Un sistema que encaixa perfectamente nos parámetros de punibilidade tipificados neste artigo, pois os seus autores eran funcionarios públicos, entre eles responsables do ámbito da saúde, tal como nos indica a citada sanitaria, os cales tiñan establecido un método sistémico que propiciaba tal práctica, obviamente, coa anuencia da Administración daquel Estado totalitario.
A condición de vítima recoñecida nesta norma, é unha das cuestións chave que afecta á lexitimidade á hora de promover un procedemento desta natureza. Neste senso, o artigo 24.1 establece “Aos efectos da presente Convención, enténdese por “vítima” a persoa desaparecida e toda persoa física que sufrira un perxuízo directo como consecuencia dunha desaparición forzada”. De acordo con este precepto e máis aló da persoa desaparecida, a segunda parte debe determinarse por lei; o punto 2, expresa “ Cada vítima tén dereito a coñecer a verdade sobre as circunstancias da desaparición forzada, a evolución e resultados da investigación e a sorte da persoa desaparecida. Cada Estado Parte tomará as medidas adecuadas a este respecto; 3. Cada Estado Parte adoptará todas as medidas apropiadas para a búsqueda, localización e liberación das persoas desaparecidas e, en caso de falecemento, para a búsqueda, o respecto e a restitución dos seus restos”.
A práctica xeralizada ou sistemática da desaparición forzada constitúe un crime de lesa humanidade
Outra cuestión que trae causa do arquivo de moitos procedementos, é a prescripción dos feitos, exemplo do caso de Inés Madrigal, cuestión que aborda o artigo 8 deste corpo legal, o que sen perxuízo do disposto no seu artigo 5, o cal prescribe A práctica xeralizada ou sistemática da desaparición forzada constitúe un crime de lesa humanidade tal como está definido no dereito internacional aplicable e entraña consecuencias previstas polo dereito internacional aplicable”. Indubidablemente, esta casuística dáse no período sinalado en España, con máis de 300.000 afectados, concepto que debe ser matizado, pois ademais da persoa directamente afectada, tamén abrangue aos seus descendentes que teñen dereito a coñecer ás súas orixes biolóxicas, feito que infire incluso no seu dereito á protección da saúde tipificado no artigo 43 da CE, pois cando por motivos dunha doenza grave visitamos a un médico, o primeiro que nos pregunta é polos nosos antecedentes familiares. Que pode dicir aquel ou aquela que descoñece as súas orixes biolóxicas? Nada.
A declaración como crime de lesa humanidade é unha vella reivindicación motivada do movemento asociativo constituído nesta causa. Unha cuestión que viña xustificada pola realidade fáctica e conseguintemente polo cumprimento dos requisitos legais, consideración que evitaría o inxusto destino de que moitas causas remataran no arquivo da impunidade.
Por elo, os nosos lexisladores, como lexítimos representantes da soberanía nacional, deberán cumprir con tal mandato imperativo, implementando as medidas efectivas necesarias para o encontro, a reparación e non repetición do dano causado a tantas vítimas.
Permítanme benquerido/a lector/a unha pequena reflexión sobre a oportunidade e relevancia do Dereito Internacional que atinxe ao conxunto da humanidade, neste tempo de globalización e conectividade co mundo, e sen embargo, o dereito internacional carece en tantos aspectos da virtualidade básica e elemental que garanta un mínimo de xustiza, convivencia e seguridade neste planeta ateigado de perigo e incertidume. As atrocidades sufridas na primeira metade do século pasado, a finais da Segunda Guerra Mundial, o acontecemento máis cruento e devastador vivido pola humanidade, fixo que os principais dirixentes mundiais deseñaran os piares dunha arquitectura básica de dereitos e contención que garantira unha convivencia relativa entre as distintas potencias e Estados. Un marco que en vez de mellorar e robustecer, hoxe está a piques de arreventar, coas súas consecuencias máis imprevisibles. O respecto aos dereitos humanos e ao marco de convivencia baseado nos valores que informan o dereito internacional, son a chave para a convivencia e a seguridade no mundo. Afastarse dese vieiro, só podemos agardar a catástrofe. Por iso, os tratados e acordos internacionais baseados neses principios, non son para engalanar as fachadas presuntuosas das nosas institucións, senón o seu fundamento esencial, respectémolos.
O alcalde de A Pastoriza fronte a Élida. Detrás de Élida, Amelia é o tenente de alcalde.
ACTO DE A PASTORIZA
O documental “No se Oye” foi introducido dentro das actividades programadas polo concello de A Pastoriza para conmemorar o 25 de novembro “DÍA INTERNACIONAL DA LOITA CONTRA A VIOLENCIA SOBRE A MULLER”, acto celebrado o día 29 baixo o lema “O esquecemento está cheo de memoria”, título dun poemario do bate uruguaio Mario Benedetti. Unha iniciativa moi atinada, xa que a muller foi a principal vítima daquel sórdido sistema perpetrado dentro daqueles muros pétreos do hospital San José e da Casa Cuna. Moi acaído tamén o lema escollido para este acto. Unha alegoría que reflicte perfectamente o drama vivido por tantas mulleres que lles arrebataron os seus fillos e fillas; un drama tapado e esquecido, mais cheo de memoria tal como nos evoca o poeta. Un feito ao que deron imaxe, luz e palabra os autores deste documental, e que atoparon resposta agradecida das súas protagonistas.
Para motivar o significado deste título, Mario Benedetti, di “Hai quienes imaginan el olvido como un depósito desierto, una cosecha de la nada, y sin embargo el olvido está lleno de memoria”. Non lle falta razón ao poeta e aquí temos o exemplo máis palmario: a imaxinación e pretensión daqueles que dendo o Pazo de San Marcos, ás oito da mañá despachaban identidades trucadas, como se aquilo fora froito da nada, depositado no deserto do esquecemento. Pero esquecéronse que aquel froito deixaba fondos raigaños no corazón e na memoria daquelas nais sen nome nin dereitos, que deron vida traendo ao mundo aquel froito, tamén de pais e irmáns que andan sen acougo na súa procura. É o amor e a memoria que se impón ao esquecemento. Élida e Amelia, dúas mulleres valentes, son un símbolo máis desta resistencia.
Se para Élida ir a Cospeito era algo especial e emotivo, non o era menos A Pastoriza, o lugar do seu nacemento e das súas raíces, onde xacen moitos dos seus antergos. Unha mestura de lembranzas e emocións que puido ter moito que ver coa súa indisposición naquel acto. Un episodio atenuado pola comprensión e trato humanitario das e dos pastoricenses e o seu alcalde alí presentes. Agradecemento que Élida quixo que transmitira a través deste artigo.
Que este aninovo sexa de encontro e fraternidade de todas aquelas persoas que un día as obrigaron a unha separación forzada, fracturando a súa identidade civil e biolóxica. Para elo, a colaboración e solidaridade da cidadanía e das institucións é imprescindible, para que isto sexa posible, os actos coma os celebrados en Cospeito e A Pastoriza, son un exemplo máis cara ese anceio de tantas nais, pais e irmáns, coma Élida Ares, Josefa Boo e Amelia García atopen ese ser inmorrento que só poden levar na súa lembranza e no corazón. Axudémoslles!
Unha historia realmente impactante a que nos conta Xosé Edrosa neste artigo, na que as protagonistas e os feitos son reais. Que terrible poñerse na súa pel, se de verdade somos quen de facelo, desas MULLERES que buscan sen éxito os fillos e fillas, tamén irmáns desaparecidos, e que só atopan como resposta atrancos no seu camiño, nas institucións, no dereito e na xustiza, tal como nos explica con rigor e atino este autor.
Que para entender o funcionamento da xustiza con maiúscula en casos que chocan frontalmente cos dereitos humanos, teñamos que ollalo dende a crítica literaria e non na exemplaridade dos feitos, algo nos di que vai mal, que o sistema fai augas.
O autor deste longo artigo ilústranos como funciona o noso Estado de Dereito, cando os suxeitos que demandan o seu amparo son persoas normais, do común, que só dependen da grandeza de quen os quer escoitar e atender ou, mesmo, de quen os ignora.
Grazas que aínda quedan plumas coma a deste autor. Que non esgallen!
Ola María Luisa, son Amelia unha das protagonistas da historia que se cita neste artigo. Quero darlle as grazas pola súa empatía con nos. Estes artigos de Xosé Edrosa, e comentarios coma o seu, son os que nos dan folgos para seguir loitando e poder dar luz a estas atrocidades que se cometeron con moitas nais.
Podo asegurarlle que hai moitas máis nais buscando, pero sempre nos atopamos co mesmo muro, o do engano e das trampas que nos deixaron colocadas os responsables de tanto dano causado. Oxalá sexamos quen de derrubar este muro, os actos de Cospeito e A Pastoriza dos que nos fala o autor deste artigo, son un chanzo máis neste vieiro.