Paula Prado. «O PPdeG márcase como propósito do novo ano seguir traballando pola Galicia que funciona e facer realidade os compromisos adquiridos»

O PPdeG márcase como propósito para este novo ano e logo do apoio maioritario recibido polos galegos e galegas no 2024 «seguir traballando por cumprir a palabra dada, facendo realidade os compromisos adquiridos e blindando a Galicia que funciona co presidente Alfonso Rueda á fronte».

Así o manifestou esta mañá a secretaria xeral do partido, Paula Prado, nunha rolda de prensa na que reivindicou que «grazas á normalidade excepcional da que desfruta Galicia, o ano iníciase cuns Orzamentos aprobados e en vigor desde o 1 de xaneiro».

«Iso é o que permite seguir ofrecendo solucións aos problemas reais dos galegos e galegas en cuestións fundamentais como a conciliación, a igualdade, a educación, a vivenda, a sanidade ou a loita contra a violencia de xénero», explicou ao tempo que contrapoñía esta situación coa prórroga –por segundo ano consecutivo– dos Presupostos Xerais do Estado do 2023.

Tildando de «parálise» o balance da xestión de Pedro Sánchez, ao que afeou o cerco de corrupción ao seu redor, a número dous dos populares galegos prognosticou un 2025 no que todo apunta que continuarán os agravios constantes do Goberno central coa nosa Comunidade.

«Este debería ser o ano no que, por exemplo, se puxera fin aos problemas ferroviarios ou se fixeran afectivos os traspasos de diferentes competencias. En cambio, empezamos o 2025 con máis problemas ferroviarios, cunha nova subida nas peaxes da AP-9 e a AP-53 e novamente cun bloqueo por parte do PSOE –coa complicidade do BNG– ao traspaso da principal autoestrada de Galicia», apuntou.

Este agravio é o que levará ao PPdeG a, neste novo ano, continuar «reivindicando a dignidade de Galicia fronte a un socialismo galego que antepón sempre a Sánchez fronte aos intereses dos galegos e fronte a un partido independentista como o BNG, que, como xa fixera cos seus bulos sobre os pélets, segue dedicándose a asustar á xente e prexudicando aos sectores que din defender».

«Se fixeramos caso ao falso alarmismo dos nacionalistas galegos, hoxe non circularíamos por unha AP-9 que anos atrás definían como ‘navallada a Galicia’, nin contaríamos con empresas tan importantes como Alcoa ou Ence», concluíu subliñando a compatibilidade entre industria e respecto ao medio ambiente.

A ESQUERDA E VENEZUELA

Paula Prado anunciou que esta tarde tanto ela mesma como unha ampla representación do partido participarán nas mobilizacións que terán lugar nas cidades galegas en defensa da liberdade e da democracia en Venezuela: «O pobo venezolano encherá de esperanza as rúas do mesmo xeito que encheu as urnas de votos pola liberdade e contra a tiranía».

«Os demócratas temos que seguir ao seu carón e facelo con convicción», remarcou lamentando que o PSOE galego siga sen esixir a Sánchez que dea a voz de alarma e apelando á necesidade de que «España defenda desde o Goberno do Estado a democracia e a liberdade».

Do mesmo xeito, criticou con dureza o comunicado asinado esta semana polo BNG e no que non só se fala da ditadura de Maduro como «un modelo político e social», senón que se fai un chamamento a «solidarizarse coa Revolución Bolivariana».

Tanto a socialistas como aos nacionalistas invitounos a sumarse ao apoio e a solidariedade amosadas hoxe polo PPdeG coa familia de Carlos Correa, o activista de orixe galego detido en Venezuela nos últimos días. Neste sentido, Paula Prado, pediu abertamente ao Goberno de España que traballe pola súa liberación.

Comparte éste artículo
No hay comentarios