O BNG exixe manter os postos de traballo no sector das empresas de atención telefónica, con condicións laborais dignas, na Galicia.
O BNG vén de mantén unha reunión con representantes dos e das traballadoras das empresas de atención telefónica para coñecer os problemas existentes no sector. A formación nacionalista reclama que os poderes públicos interveñan para evitar a deslocalización do servizo e o mantemento dos postos de traballo con condición laborais dignas para evitar o seu deterioro e garantir unha atención ás persoas consumidoras e usuarias de calidade e próxima.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, acompañado polo portavoz do BNG na Coruña, Francisco Jorquera, e o concelleiro David Soto, destaca -durante a reunión mantida con representantes da CIG no comité de ABAI- a importancia estratéxica do sector e subliña a necesidade de garantir unha atención de calidade e próxima para as persoas consumidoras e usuarias. «A deslocalización destes servizos non só supón a perda de postos de traballo na Galiza, senón que ademais implica unha degradación na atención á cidadanía» salienta Rego.
Neste sentido, o BNG exixe ao Goberno do Estado actuar de maneira decidida para impedir que este tipo de empresas trasladen fóra do territorio galego servizos estratéxicos de atención ao cliente. «Reclamamos medidas concretas para garantir a continuidade destes postos de traballo na Galiza e impedir que a procura de beneficios rápidos por parte das empresas se faga a costa dos dereitos laborais e da calidade do servizo» demanda Néstor Rego.
O deputado nacionalista subliña a importancia de que os poderes públicos adopten accións para protexer os datos sensíbeis das persoas usuarias en caso de deslocalización, garantir o dereito a unha atención en galego sen discriminación e condicionar o acceso a fondos públicos á creación e mantemento de emprego no territorio. «O que pedimos é de xustiza: que se protexan os postos de traballo e que a cidadanía teña unha atención de calidade, con garantías e en galego» asevera.
“O BNG defende a necesidade de cambios normativos para que a prestación destes servizos responda realmente ás necesidades das persoas usuarias” di Rego mentres enfatiza na necesidade de priorizar a resolución efectiva de incidencias sobre a rapidez na xestión sen solución real. «Seguiremos traballando para que a atención telefónica non sexa un negocio especulativo, senón un servizo de calidade cunhas condicións laborais xustas” finda o deputado do BNG.
O caso concreto da Coruña: en perigo de desaparecer o sector
Na actualidade, concretamente na cidade da Coruña, están a perigar en torno a 600-700 postos de traballo en centros de chamada mais, hai anos existían preto de 3.000 persoas. “En menos de dez anos foise reducindo bruscamente o número de postos de traballo e se os poderes públicos non fan nada por resolver a deslocalización de empresas a terceiros países, este sector acabará desaparecendo” alerta Sergio Toucedo.
“O Goberno debería preocuparse, alén da calidade do emprego do día a día das persoas traballadoras, aumentar os postos de traballo en empresas con participación pública como Movistar” sinala Sergio Toucedo, traballador dun centro e enlace sindical da CIG. Unha atención as persoas usuarias que garanta os dereitos da cidadanía “como os lingüísticos” dando servizo tamén en galego. “A clientela debe ter a garantía de que os seus datos persoais non sexan empregados en terceiros países por medios de usos fraudulentos como poden ser chamadas ou ofertas de servizos non acordes ao que as persoas buscan realmente” enfatiza.