Os betanceiros, dende unha sólida e seria defensa, sacan un 71-86 do Pazo.
Se o Leyma Basquet Coruña non puido sacar nada positivo do Pazo dos Deportes de Lugo no seu enfrontamento contra o Breogán na mañá do domingo 12, o Ineltrón Santo Domingo Betanzos conseguiu reflectir unha contundente vitoria foránea no marcador á última hora da tarde. 71-86 para os betanceiros fronte ao Estudiantes Lugo Río de Galicia, nun partido que dominaron de principio á fin (as diferenzas estiveron sempre por riba dos 10 puntos, cun pico de + 19 para os betanceiros) e que puxo os cimentos
nunha sólida defensa dos de Doc.
Se o 16-27 do 1Q xa facía concibir boas expectativas aos seareiros, cun Pepe Moreno que volve encontrarse con excelentes números (17 puntos e 6 rebotes), a continuación ofreceu un Abelleira impecable (20 puntos, 7 rebotes e 11 asistencias) en un Marcos Rozas que, cando os lucenses intentaron disputar o partido no último cuarto (a 9 puntos a falta de 8 minutos) botou o equipo ao lombo para anotar 16 puntos en pouco máis de 7 minutos (22 no seu total) e demostrar que un xogador que vai para os 42 anos aínda pode ser decisivo nesta Tercera FEB.
Así falaba Antonio Díaz ao remate do partido: “Bo partido coral, onde subimos o nivel defensivo, e en ataque soubemos ler ben as nosas vantaxes. Vitoria importante para recuperarnos da derrota perante Xiria antes da parada de Nadal”.
O Santo sitúase así 10o da competición, empatado co 8o (precisamente o Estudiantes Lugo) e prepárase para recibir, as dúas vindeiras semanas, ao Solgaleo Bosco e ao Culleredo, equipos directamente implicados en eludir as prazas do 11o ao 14a, as que marcan o descenso nesta desapiadada -e apaixonante- Tercera FEB -antiga liga EBA-