O ex alcalde, docente e escritor de Xinzo de Limia, Gonzalo Iglesias Sueiro, presentará o sábado día 25 a partir das 18,30 na Biblioteca Antelana o seu novo libro, chamado “Reflexiones en el último milenio”, un resumen da súa longa traxectoria como articulista, analista e ensaista sobre temas sociais, culturais e políticos.
Sueiro contará neste acto coa presencia do actual alcalde, Amador Diaz, a xornalista Maribel Outeiriño, Alfonso Carlos Lois ou o erudito, Xesús Alonso Montero.
Sueiro estudou Maxisterio e traballou como mestre en Ourense, Santander, Trasmiras, no CEIP Rosalía de Castro de Xinzo de Limia, do que foi director, e no IES de Xinzo de Limia.
Militou no PCG, onde ocupou relevantes cargos orgánicos, até o ano 1985, tendo sido concelleiro en Xinzo de Limia tralas eleccións de 1979. Despois incorporouse ao PSdeG-PSOE e foi o candidato á alcaldía de Xinzo nas eleccións municipais de 1991 e 1995, sendo o principal grupo da oposición.
Dende ese último ano foi deputado provincial e viceportavoz do PSdeG. Nas eleccións municipais de 1999 foi elixido alcalde tras alcanzar un pacto de goberno co BNG e o concelleiro de Coalición Galega, José Antonio Feijóo Alonso.
Foi coordinador do PSdeG-PSOE na provincia de Ourense de outubro de 1998 a outubro de 2000. Nas municipais de 2003 o goberno non puido revalidar tras recuperalo PPdeG a maioría absoluta. Continuou como portavoz en Xinzo e deputado provincial ata 2005, cando foi nomeado delegado provincial de Educación en Ourense. Sueiro, xa xubilado, foi nomeado hai meses fillo predilecto da súa vila.