Dende o Partido Galeguista, o mesmo partido que fundaron Castelao e outros galeguistas como Alexandre Bóveda, na cidade de Pontevedra, os días 5 e 6 de Nadal de 1931, e no que teñen militado os dous; Castelao ata o seu pasamento o 7 de Xaneiro de 1950, na cidade de Bos Aires, e A. Bóveda ata o seu “asasinato”, fusilado o 17 de Agosto de 1936, no monte da Caeira no Concello de Poio, asistimos perplexos ás manifestacións públicas “dísques e séiques,” que manteñen tanto o BNG coma o PPdeG, ao respecto da figura de Castelao.
Os primeiros, anunciando por boca da súa portavoz nacional Ana Pontón a presentación dunha iniciativa parlamentaria para que o Parlamento Galego recoñeza «legal e oficialmente» a Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao como o Primeiro Presidente de Galicia. Os segundos anunciando igualmente por boca do seu Presidente, que é tamén o Presidente do Goberno da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, que non apoiaran a iniciativa do BNG, porque o Primeiro Presidente democrático de Galicia foi o Doutor Fernández Albor.
Por todo isto, e coa única intención de reconducir este debate público que baixo o noso humilde punto de vista “nunca debera terse dado” por respecto e consideración á persoa da que estamos a falar; o noso guieiro Castelao. No Partido Galeguista vémonos na obriga de sair diante da opinión pública, para darlle a coñecer ao conxunto da sociedade galega o noso posicionamento ó respecto.
- Os galeguistas entendemos e defendemos que o legado do ideario político de Alfonso Castelao, non é patrimonio de ninguén e cando dicimos de ninguén incluímos ao propio Partido Galeguista. Cas-telao representa xunto con Rosalía o mellor da Nosa Terra. Castelao é para Galicia o que foron no seu día Nelsón Mandela para Suráfrica, Mahatma Gandhi para a India, ou Martin Luther King para a defensa dos dereitos civís en EEUU.
Por eso mantemos que unha figura como a de Castelao non pode ser patrimonio de ninguén en particular. O pai da Patria Galega é, e debe de ser, patrimonio do conxunto dos cidadáns da Galicia Universal (da Galicia Territorial e da Alén Mar).
- No mes de Nadal de 2022, o Partido Galeguista e as entidades da emigración Alén Mar:Centro Galego de Bos Aires, Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina, Centro Galicia de Bos Aires, Instituto Arxentino-Galego Santiago Apóstol de Bos Aires, Fundación Xeito Novo da Cultura Galega, A.B.C. do Partido de Corcubión, Centro Betanzos de Bos Aires, Patronato da Cultura Galega de Montevideo, Centro Cultural da Estrada, Hogar Gallego para Ancianos de Domselar, presentamos conxuntamente diante da Mesa do Parlamento Galego o documento “Manifesto promovido polas entidades da emigración no Rio da Plata e do Partido Galeguista en favor do recoñecemento de Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao como o Primeiro Presidente de Galicia, dito manifesto ía acompañado dun informe xurídico, solicitado ao despacho de avogados e consultores “Pérez-Lema”, que sustentaba e avalaba a nosa petición
- O 29 de Xaneiro de 2023, o Partido Galeguista convoca no Panteón de Galegos Ilustres un acto en homenaxe a Castelao polo 137 aniversario do seu nacemento. Nese acto o Presidente do Parlamento Miguel Ángel Santalices, anunciou diante dos representantes do Goberno da Xunta de Galicia, das forzas políticas parlamentarias, alcaldes e demáis asistentes, que a cámara galega, froito das conversas entre os tres grupos que conforman a cámara (PPdG/BNG/PSdG-PSOE) atendendo á solicitude impulsada polo Partido Galeguista e as entidades da emigración rioplatenses, organizará un acto de homenaxe a persoa de Castelao, para recoñecer o seu papel institucional como “Presidente do Consello de Galicia e Precursor do Noso Autogoberno”
- O Partido Galeguista, diante da posibilidade de que ese recoñecemento se fixera realidade-como así foi- o 15 de Novembro de 2024, coincidindo co “80 Aniversario da creación do Consello de Galiza en Montevideo o 15/11/1944, do Primeiro Goberno Galego no exilio, do que Castelao foi o seu Presidente, feito histórico que fundamenta xurídica e politicamente a nosa petición diante da Mesa do Parlamento, mantivemos conversas con todas as forzas políticas parlamentarias, para facerlles ver de que un acto desta importancia, no que se iba a recoñecer institucionalmente a Castelao como o ”Primeiro Presidente do Consello de Galiza e Precursor do Noso Autogoberno”, debería organizarse do seguinte xeito:
*Convocatoria dunha Sesión Solemne no hemiciclo parlamentario coa presenza de todos os deputados e deputadas que conforman o Parlamento de Galicia, incluíndo o goberno da Xunta de Galicia.
*Invitacións aos representantes das entidades da emigración asinantes xunto ao Partido Galeguista do Manifesto anteriormente mencionado.
*Trasladar o devandito Manifesto co anuncio da Sesión Solemne do Parlamento e coa correspondentes invitacións aos 313 Concellos de Galicia e as 4 Deputacións Provinciais, Universidades, Sindicatos, organizacións empresariais, culturais etc.
En definitiva o que pretendíamos dende o Partido Galeguista era facer unha convocatoria ampla xeral e sen sectarismo, para situar a Alfonso Castelao no lugar histórico que lle corresponde.
- Efectivamente, o 15 de Novembro pasado, ignorando todas e cada unha das propostas feitas polo Partido Galeguista, o Parlamento leva adiante a realización dun acto institucional “nun salón do Parlamento, fora do hemiciclo dos deputados”. Todas as forzas políticas da cámara ignoraron as nosas propostas en recoñecemento de Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao como o “Primeiro Presidente do Consello de Galiza e Precursor do Noso Autogoberno”. Participan e interveñen no citado acto, os representantes das forzas políticas que conforman a cámara (PPdG/BNG/PSdG-PSOE/DO), o Presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices, o Presidente do Partido Galeguista, Xesús Manuel Suárez García, o Presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas, os representantes consulares de Cuba, Urugai e Arxentina, ademais de outras entidades sociais, culturais e educativas do País.
- Temos que destacar que ao non ter sido convidadas as entidades asinantes do Manifesto Alén Mar, o Partido Galeguista tomamos a decisión de designar ao noso Secretario Xeral, Francisco López“ Chesqui” a promover e participar na República Arxentina, xunto as citadas entidades, dos actos que se celebren en recoñecemento de Castelao como o “Primeiro Presidente de Galicia”
Non queremos rematar este comunicado sen volver a insistir na idea principal que motivou o mesmo: “Castelao non é patrimonio de ninguén en particular. Castelao é patrimonio do conxunto dos cidadáns desta Nosa Terra, dos homes e mulleres que conformamos a Galicia Universal”
Viva Galicia ! Viva Castelao ! Saúde e Terra !