Once institutos, sete da cidade e catro da comarca (Oleiros, Cambre e Arteixo), forman parte da programación de NCD Educa, que, desde principios de xaneiro e ata mediados de marzo, achega ás aulas coruñesas a realidade do colectivo LGTBIQ+ a través do cine.
Case 600 alumnos de 3º e 4º de primaria e 1º da ESO participaron xa nas xornadas do NCD Educa, que inclúen a proxección das curtametraxes El mueble de las fotos, Ese lugar partido, Pancarta e Antes de la Erupción. Tras os pases destes títulos, a comunidade escolar entra en debate cos representantes do colectivo.
Así pasou esta mañá no IES Fernando Wirtz con alumnos e alumnas de 12 e 13 anos. Para unha delas, Sara Samaki, «o máis importante é o respecto e ter unha mentalidade aberta». O seu compañeiro David Palla define a xornada como «moi interesante e reflexiva», mentres que Iker Díez destacou que «é moi bonito expresarte como queres sen ter nada que te reprima. Avanzamos moito, pero segue habendo xente maior que se aferra
ao pasado e non tratan con respecto aos demais.»
A experiencia do NCD Educa é para Lúa Gaudiza «moi necesaria porque hai persoas que se ven oprimidas e necesitan que a súa realidade se normalice». Paula Pérez agredeceu que «nos ensinasen a preguntar con que
pronome se identifica cada un para poder dirixirnos a esa persoa con el, ela ou ele».
O NCD Educa continuará as vindeiras semanas coas visitas ao IES Ramón Otero Pedrayo (11 e 18 de febreiro), IES Eusebio da Guarda (13 de febreiro), e IES Sardiñeira (14 de febreiro). En marzo, o día 17, visitará o IES Miraflores, de Oleiros.
A actividade está organizada polo Concello da Coruña e a Asociación Palestra. Conta coa colaboración da Cinemateca Pedro Zerolo, Fundación 26 de Diciembre, Sex Point de CASCO, CoruFest e LesCoruña.
O festival Norte Cinema Diverso celebrará a súa terceira edición os días 20, 21 e 22 de febreiro no Teatro Colón. As entradas para as distintas sesións xa están á venda en Ataquilla.com. A sesión matinal do sábado,
que inclúe a proxección de seis curtametraxes, é de balde.