O Grupo Popular de Padrón defende a súa xestión da Escola Infantil Municipal e pide aos socialistas que non mintan

O concelleiro do grupo popular no Concello de Padrón, Ángel Rodríguez, defendeu no Pleno do Concello que, baixo mandato do Partido Popular, “si houbo inversións na escola infantil municipal e se realizaba o mantemento mesma, segundo marcan os protocolos e seguindo as indicacións das inspeccións e autoridades competentes”. O edil defendeuse así das acusacións de desleixo emitidas por parte do actual goberno do PSOE. “Non é certo”, incidiu o concelleiro para, de seguido, remarcar que “é o goberno socialista o que ten que dar explicacións das súas sospeitosas incongruencias”.
Rodríguez considerou que “falamos dun edificio de anos, no que podemos estar dacordo en que precisa duna intervención para adaptalo á realidade actual, pero é totalmente falso que se atopase en estado de insalubridade por abandono do anterior equipo de goberno”.
O edil afirmou que “en xullo de 2023 o goberno socialista visitou a gardería na compaña dun técnico para avaliar o estado da mesma e a finais de agosto emitiu un comunicado cifrando nun millón de euros o investimento a realizar para arranxar as deficiencias detectadas acusando de desleixo anteriores gobernos. ¿Como é posible se o informe técnico non se fixo ata o 5 de outubro e cuantificaba en menos de medio millón de euros a inversión?”, preguntouse.
Ademais, Rodríguez detallou que, a raíz da publicación feita polo concello argumentando con imaxes a súa postura, “pais e nais usuarios das instalacións recibiron por parte da empresa concesionaria da gardería un texto e un vídeo afirmando que as imaxes difundidas polo concello e asociadas á escola non se correspondían coa realidade diaria das estancias ocupadas polo alumnado.

¿Tratou o goberno do PSOE de manipular aos padroneses facéndolles crer que as imaxes dun cubículo cerrado e pendente de intervención eran as aulas e estancias empregadas polos cativos?

Segundo a concesionaria as fotos publicadas polo Concello correspondíanse cun cubículo do interior, que permanecía pechado e pendente de arranxar”. “¿Tratou o goberno do PSOE de manipular aos padroneses facéndolles crer que as imaxes dun cubículo cerrado e pendente de intervención eran as aulas e estancias empregadas polos cativos”, preguntouse o edil ao tempo que esixiu “luz e taquígrafo” sobre este asunto por parte dos actuais responsables municipais.
Neste sentido, o concelleiro do PP reiterou que “sendo conscientes de que se trata dun edificio antigo, estamos a favor de calquera inversión e actuación de reforma que redunde en beneficio dunha mellor prestación do servicio, en beneficio tamén do profesorado, alumnado e das familias; pero o que é inaceptable e que o goberno local minta e conte medias verdades para tentar sacar rédito político”.
Rodríguez Conde pediu tamén aos socialistas coñecer a inversión total realizada en Carcacía, onde se trasladou provisionalmente a escola municipal, e que foi recentemente visitada por concelleiros do PP “tras pedilo ata en tres ocasións en anteriores plenos municipais”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios