O Ineltrón Santo Domingo preparado a recibir o Perfumerías Avenida

Difícil reto para os betanceiros perante un dos equipos punteiros da liga.

Novo partido na casa para Ineltrón Santo Domingo Betanzos. Logo de catro vitorias consecutivas, os de Doc van medir as forzas co Perfumerías Avenida Xoborg de Salamanca, un dos conxuntos máis duros do Grupo AB da Tercera FEB e que suma ata o momento 9 vitorias e 6 derrotas, igualado na táboa no 4o posto co Ávila Auténtica. Os salmantinos, que xa gañaron en Salamanca por un incontestable 99-62, contan con xogadores da solvencia do nixeriano Akinwole, Hetor Mensha ou Mc Carthy Santos e sumaron dende aquela varias incorporacións que fan aínda máis temible o equipo: o escolta Kasanzi Obama (en substitución de Kyle Robert Cardaci, fichado polo Zornotza de Segunda FEB tras o partido cos betanceiros), o interior bahameño
Dave Isnord Wilkenson Valentino e o pivote congoleño Gullit Mukendi.


Así o ve o partido o adestrador betanceiro, Antonio Díaz “Doc”: “Agárdanos un rival de gran capacidade atlética, cun ritmo de xogo moi alto. Moi diferente ao da primeira volta, sen Cardaci, con máis capacidade interior e algo menos predicible en ataque. A clave será saber competir, contelos no 1X1 e controlar o rebote ofensivo”.


O encontro terá lugar no Pavillón Municipal de Betanzos no horario de costume: 17h.


Dende a directiva, dado o atractivo do rival, espérase unha boa entrada.


Xornada de escasos partidos na casa para o resto do club betanceiro


Polo demais, a xornada do 8-9 de febreiro depara unha axenda con poucos equipos do Santo xogando en Betanzos. A excepción do Grelo cadete masculino (sábado 10h), o Warnier Informática infantil feminino (sábado 12h), o Decornaveira cadete masculino (sábado 16h) e o sénior de Segunda Autonómica, que se ha medir o domingo ás 19.15h ao Seis Nadal de Vigo, o resto dos conxuntos do club xogan fóra. Na xornada do sábado destaca a visita do J. Caamaño Arquitecto de 1a División Infantil á pista do Obradoiro, os habituais partidos no Agra da Coruña das escolas ou a cita que medirá a La Goleta, o sénior de Terceira, fronte a Xuncas Diversia en Lugo. Polo que toca ao domingo, os Cadetes rojo xogan na pista de Maristas, os infantís
de La Piccola en Carballo e as sénior de Grelo feminino tamén en Lugo, onde as agarda Ensino USC.

Comparte éste artículo
No hay comentarios