A Laracha. A mesa de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero celebra unha nova reunión no Concello

Entre os asuntos abordados destacan a programación en materia de prevención para o ano actual e o reforzamento da coordinación entre os sectores profesionais.

A mesa de traballo sobre coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero nos sectores da sanidade e do ensino reuniuse hoxe no Salón de Plenos con representación do Concello -edil de Igualdade, Rocío López, directora do CIM e persoal técnico de Igualdade e Servizos Sociais-, Subdelegación do Goberno -na figura de Manuela Vilaboy, xefa da unidade de violencia contra a muller-, Garda Civil -comandante de posto da Laracha e equipo VioGén de Carballo-, centros de ensino -directores e orientadores do IES Agra de Leborís e os CEIPs Otero Pedrayo, Alfredo Brañas e Caión- e centro de saúde da Laracha -xefe do servizo, pediatra e enfermeira de pediatría-.

O obxectivo principal da reunión foi reforzar as accións conxuntas para continuar avanzando na prevención e erradicación da violencia de xénero.

Entre os temas máis destacados da xuntanza cabe salientar as propostas de programación de actividades de prevención a desenvolver durante o ano 2025 tanto nos centros educativos, coa participación do alumnado, como aquelas nas que se convidará a tomar parte á cidadanía en xeral e tamén a colectivos específicos. As accións incluirán formación e sensibilización en materia de igualdade.

Outro dos puntos máis relevantes foi o fortalecemento da coordinación interinstitucional entre os sectores profesionais representados na mesa para garantir unha resposta aínda máis rápida e eficaz ante situacións de violencia de xénero ou na detección de posibles casos desa natureza para favorecer a protección inmediata e integral das vítimas.

Ademais, os representantes do centro de saúde da Laracha solicitaron o desenvolvemento dunha acción formativa específica para todo o seu persoal sobre o protocolo de actuación ante casos de violencia de xénero.

A reunión concluíu co firme compromiso dos participantes de continuar traballando de xeito articulado e con ese enfoque. En futuras xuntanzas seguiranse avaliando os avances e axustando as estratexias e os protocolos de actuación conforme sexa necesario.

Este esforzo interinstitucional reforza o compromiso do Concello e os sectores profesionais representados na mesa coa promoción dun entorno máis seguro e equitativo para toda a cidadanía larachesa.

Comparte éste artículo
No hay comentarios