Un total de 72 escolares de 32 centros de toda Galicia participarán na competición.
A Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña (UDC) será a sede este venres, día 14 de febreiro, da celebración da XX Olimpíada de Bioloxía (Fase Autonómica Galega). O evento está convocado polo Colexio Oficial de Biólogos de Galicia (COBGA) e a Asociación Olimpíada de Bioloxía (OEB), en colaboración coas tres universidades públicas galegas e a Xunta de Galicia, e ten como finalidade fomentar os estudos relacionados coa Bioloxía e promover o interese na investigación científica entre o estudantado do sistema educativo español.
A edición deste ano ten unha relevancia especial, ao tratarse do vixésimo aniversario da primeira edición da fase galega da Olimpíada; considerada polos organizadores coma un fito para a educación en Galicia. Ao longo destas dúas décadas, este evento foi un punto de encontro esencial para fomentar o interese pola Bioloxía entre o alumnado de Bacharelato, brindando unha plataforma para identificar, recoñecer e motivar aos novos talentos que son xa, algúns deles, protagonistas dos avances científicos na nosa sociedade neste período participaron nas probas mais de 2.300 alumnos/as galegos/as.
No evento medirán os seus coñecementos en Bioloxía un total de 72 escolares de 32 centros galegos (17 da provincia da Coruña, 2 da de Lugo, 5 da de Ourense e 8 da de Pontevedra). Todos eles foron seleccionados na proba teórica previa, que tivo lugar en modalidade en liña o pasado 31 de xaneiro. Unha proba que rexistrou unha cifra récord de participación, con 424 alumnas e alumnos inscritos, de 37 centros de toda Galicia.
Os colexios e institutos con alumnado clasificado foron:
-Na provincia da Coruña: Colexio Obradoiro, Colexio Calasanz PP Escolapios, IES Fernando Wirtz, IES Monte das Moas, IES Rafael Dieste, IESP Eusebio da Guarda (A Coruña), IESP de Ames (Bertamiráns), IES Afonso X O Sabio(Cambre), IES Punta Candieira (Cedeira), IES Canido e IES Concepción Arenal(Ferrol), IES As Telleiras (Narón), IES Xulián Magariños (Negreira), IES Ordes (Ordes), IES nº1 de Ribeira (Ribeira), Colexio Manuel Peleteiro e IES Eduardo Pondal (Santiago de Compostela).
-Na provincia de Lugo: IES Río Cabe (Monforte de Lemos) e IES Xoán Montes (Lugo).
-Na provincia de Ourense: Colexio Marista Santa María e IES Ramón Otero Pedrayo (Ourense), IES Xermán Ancochea Quevedo (Pobra de Trives), IES O Ribeiro (Ribadavia) e IES Carlos Casares (Viana do Bolo).
-Na provincia de Pontevedra: IES Aquis Celenis (Caldas de Reis), IES Pino Manso (O Porriño), IES A Xunqueira II e IES Valle Inclán (Pontevedra), IES Pedras Rubias (Salceda de Caselas), IES Plurilingüe de Valga (Valga), IES Politécnico de Vigo e IES República Oriental de Uruguai (Vigo).
A fase presencial que acollerá a UDC este venres constará dunha proba teórica tipo test e probas prácticas de laboratorio, cos contidos de Bioloxía da ESO, e de primeiro e segundo de bacharelato, centrados na base molecular e fisicoquímica da vida.
Os tres escolares vencedores desta olimpíada galega representarán a Galiciana fase nacional, que se celebrará en Canarias do 3 ao 6 de abril deste ano. Ademais, elixiranse outros tres estudantes que substituirían aos tres primeiros no caso de renuncia.
O certame conta co patrocinio de Principia Editorial, Museos Científicos Coruñeses, Conservas Friscos e Asociación para a Promoción Territorial Montañas do Courel.
No marco dun convenio coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade,a Olimpíada foi homologada con 15 horas como actividade de innovación docente, polo que no programa inclúense dúas charlas de actualización científica para o profesorado: “Terapia xénica para reparar tecidos”, impartida pola docente da Área de Bioloxía Celular da UDC, Ana Rey; e «A revolución do ADN antigo: unha revisión biomolecular da prehistoria”, da man da profesora da Área de Paleontoloxía, Gloria González Fortes. Tamén se impartirá unha conferencia final, a cargo de Mónica Lamas, da Área de Bioquímica e Bioloxía Molecular, baixo o título “Cáncer, investigación e diagnóstico».
A xornada desenvolverase desde as 9:30 ata as 19:00 horas e contará coa presenza do reitor da UDC, Ricardo Cao, no acto de clausura e entrega de diplomas, previsto para as 18:00 horas.