En pleno século XXI non deixa de resulta estraño que siga manténdose un día de exaltación ao amor romántico, a ese pretendidamente no que o noso corazón queda para sempre atravesado polo disparo certeiro dun querubín alado a quen denominan Cupido, tan de ficción coma ese namoramento eterno que nos venden os anuncios publicitarios e ás películas das sobremesas na fin de semana, que inevitablemente conducen ao sopor e, ás veces, a apagar o televisor porque ata o amor, sendo en exceso, cansa.
Pola contra, hai outros tipos de amor que, inesperadamente, xorden nos lugares máis imprevistos e entre xente moi dispar entre si, pero que sortean atrancos linguísticos, culturais e ideolóxicos para, en apenas tres meses, formar un microcosmos unido que nace nunha clase á que todas e todos chegamos por diferentes motivos, cada quen coa súa mochila vital que pronto acabamos compartindo co resto, descubrindo que amor, por exemplo, é cruzar todo un océano para que os teus poidan permitirse a unha vida mellor. Quedar nun lugar non cunha, senón con dúas línguas diferentes a túa e, aínda así, superarte cada día na aprendizaxe de ambas. Amor é deixar atrás todo por ese arrebato furioso e auténtico que só vivimos na mocidade, o que non coñece barreiras de ningún tipo e ao que nada pode poñer comportas. Verte a ti mesma con ollos distintos, máis humildes e consciente da vida acomodada que nunca pensastes que vivías mentres te laiabas por calquera cousa. O amor -calquera tipo de amor- non ten xeografía e cabe o mundo enteiro nun pequeno reduto….O único requisito que se precisa é ter un corazón tan grande como aberto.