Especial Ano Castelao (I) ¿Crónica dun amor non correspondido?

Sabajanes, Paula

Entrevista ao secretario xeral do Partido Galeguista, Francisco López “Chesqui”

No Observatorio das Diásporas seguimos con moito interese as manifestacións, voces e miradas diversas desta comunidade que conformamos as galegas e galegos que vivimos polo mundo adiante. Somos o 20% da poboación do país, unhas 500.000 persoas que dialogamos acotío coa nosa identidade e a nosa cultura desde as máis afastadas latitudes.Comezamos hoxe coa publicación dunha serie de entrevistas cos protagonistas da iniciativa e cos actores das institución galegas para que nos acheguen os seus argumentos a favor ou contra deste feito histórico. De seguido, a entrevista ao secretario xeral do Partido Galeguista, Francisco López “Chesqui”.

Se en xaneiro falamos de amor e de éxito e nos preguntabamos ¿Onde queda a Galicia de ultramar no discurso da Galicia territorial? logo das homenaxes a Castelao a iniciativa do Partido Galeguista e entidades de emigrantes de Arxentina e Uruguai, en febreiro asomámonos ás paixóns políticas que, 75 anos despois, aínda nos impiden acordar o seu recoñecemento como primeiro presidente galego. ¿Estamos escribindo a crónica dun amor non correspondido? Seguiremos atentamente este Ano Castelao e as súas actividades para tentar atopar algunhas respostas.

Entrevista ao secretario xeral do Partido Galeguista, Francisco López “Chesqui”.

Por que apoiou a iniciativa a prol de recoñecer a Castelao como primeiro Presidente de Galicia?

Apoiamos a iniciativa porque foi unha proposta das entidades do Rio da prata e do Partido Galeguista que recolleu e fixo súa o BNG sen contar con nós.

Que opina do acto de recoñecemento organizado polo Parlamento galego en novembro de 2024 para homenaxear a figura de Castelao?

O noso posicionamento é público. Nós sempre pensamos, e así llo trasladamos á Presidencia do Parlamento, que nun acto no que se ía a recoñecer “institucionalmente” a Castelao como o “Primeiro Presidente do Consello de Galiza e precursor do noso autogoberno” debería convocarse unha Sesión Solemne cos deputados e deputadas do Parlamento de Galicia, o goberno da Xunta, os 313 Concellos de Galicia e as 4 Deputacións provincias, así como Universidades, Sindicatos e tamén os representantes das entidades da emigración asinantes xunto ao Partido Galeguista do “Manifesto” presentado á Mesa do Parlamento en novembro de 2022. En definitiva unha gran convocatoria, ampla e sen sectarismo, para situar ao noso guieiro, no lugar histórico que lle corresponde.

Que expectativas ten sobre a designación de 2025 Ano Castelao por parte da Xunta de Galicia?

A proposta partiu dunha xuntanza que mantivemos a Xunta de Galicia e o Partido Galeguista o 17 de agosto de 2024, logo dos actos do Día da Galicia Mártir, en lembranza de quen fora o Secretario Xeral e de Organización do PG, Alexandre Bóveda, fusilado no Concello de Poio o 17/08/1936.

Visto o visto, as expectativas que tíñamos de que a Xunta levaría a figura de Castelao a todos os centros de ensino do país, para que tod@s os rapaces e rapazas coñecerán as distintas facetas, artísticas, literarias, políticas, temos que confesar que, moi ao noso pesar, reducíronse considerablemente.

Por que cre que os grupos da Cámara Galega non apoiaron o recoñecemento “oficial” de Castelao como primeiro presidente de Galicia presentado polo BNG en base á vosa iniciativa?

Os primeiros sorprendidos de que se levara a nosa iniciativa ao Parlamento fomos os propios galeguistas. Sabíamos dende xaneiro do 2023 que a proposta, tal e como fora redactada, non ía ser aprobada. Por iso aceptáramos -como mal menor- o recoñecemento “Institucional” de Castelao como o “Primeiro Presidente do Consello de Galiza e precursor do autogoberno”, que é o mesmo que dicir, segundo o informe xurídico que avala a nosa petición, “Primeiro Presidente de Galicia no Exilio”. E que non é incompatible con dicir que o Primeiro Presidente da Xunta de Galicia saído das primeiras eleccións do 20 de outubro de 1981, trala morte do ditador, foi Xerardo Fernández Albor.

Vai o seu partido ter algunha programación especial polo Ano Castelao?

Temos moitas actividades programadas. En decembro xa conmemoramos en Buenos Aires o pasamento do Presidente Castelao, así como o seu natalicio o 1 de Febreiro en Rianxo- No curto prazo o 18 de febreiro presentaremos o documental do irmán arxentino-galego Xan Leira “Consello de Galiza o Goberno Galego no Exilio” .

Que pensa que diría Castelao se estivese agora mesmo entre nós?

¿Quen o sabe? Ninguén debería especular coa resposta de alguén que xa non está fisicamente onda nós.

Un desexo para este ano para a Galicia Universal.

Que nos sintamos orgullosos de ser fillos desta terra e que alá onde nos atopemos, teñamos presentes os valores que nos definen como pobo: a lingua, as tradición e a lembranza permanente daquelas persoas que dedicaron as súas vidas á defensa dunha Galicia máis nosa, libre e solidaria cos pobos non só da Península Ibérica, senón de Europa, de América e do Mundo.

Sabajanes, Paula

Xornalista galega nacida en Bos Aires. Licenciada en Ciencias da Información na Universidade de Santiago de Compostela (USC). Especializada en Comunicación Institucional e de Crise. Realizou cursos posgrao en Comunicación e Xénero na Universidade de Bos Aires (UBA). Traballou no Gabinete de Comunicación do Presidente da Xunta de Galicia, na Dirección Xeral de Cooperación ao Desenvolvemento, na Secretaría de Relacións Exteriores e coa UE do Goberno galego e integrou o equipo que puxo en marcha a primeira Delegación da Administración galega no exterior, onde dirixu o Gabinete de Comunicación. Colaboradora desde Arxentina para o xornal La Voz de Galicia, a Axencia EFE e o programa “Lambóns de Viaxe” da Radio Galega. Asistiu á Xunta directiva do Centro Galicia de Buenos Aires. Desempeñouse na Oficina de Comunicación da Embaixada de España en Buenos Aires e actualmente forma parte do equipo da Agregaduría de Defensa de España en Arxentina, Uruguai e Paraguai.

Fonte. https://www.igadi.gal/investigacion/observatorio-das-diasporas/

Comparte éste artículo
No hay comentarios