O PPdeG acusa ó Goberno de tapar a súa corrupción antes que do traspaso da xestión do litoral a Galicia

O PPdeG denuncia os escasos avances por parte do Goberno de Pedro Sánchez no referido ao traspaso dos medios necesarios para que Galicia poida exercer as súas competencias sobre a xestión do litoral e apunta á «corrupción na que está sumido o PSOE» como motivo desta «parálise».

Así o manifestou esta mañá a secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, nunha visita ao concello de Cangas na que estivo acompañada polo presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, e a deputada autonómica e concelleira do partido nesta localidade, Loli Hermelo, e na que afirmou que «Galicia necesita xa os medios para desenvolver a súa Lei do litoral».

Recordou que xa hai máis de ano e medio que se aprobou esta norma que, partindo do convencemento de que «para os galegos o mar é emprego, riqueza e vida», ten como obxectivo que «o noso litoral poida ser xestionado desde Galicia e para os galegos». Algo para o que é necesario que o Goberno central transfira á Xunta non só as competencias de xestión do dominio público marítimo-terrestre, senón tamén os medios persoais, materiais e económicos para exercelas.

«Chegamos a febreiro de 2025 e Galicia aínda non recibiu eses medios», lamentou ao tempo que denunciaba que «non se pode seguir perdendo o tempo» nesta cuestión e moito menos a causa da «parálise» dun Goberno central «ocupado exclusivamente en tapar a corrupción que envolve ao PSOE e que se estende xa por todo o territorio».

Paula Prado fixo así referencia aos casos nos que están implicados desde varios ministros do Goberno de Pedro Sánchez ata o propio irmán do presidente, así como o fiscal xeral do Estado. Unhas tramas corruptas ás que se engade ademais a recente detención dun concelleiro socialista en Cangas logo de ser acusado dun presunto delito tráfico de influencias e suplantación de identidade.

«Unha detención da que aínda non escoitamos ningunha explicación do seu xefe de filas, o señor Besteiro, e ante a que a alcaldesa nacionalista de Cangas garda o mesmo silencio que a señora Pontón no que se refire á corrupción dun Pedro Sánchez ao que segue a apoiar incondicionalmente», subliñou.

A número dous dos populares galegos esixiu aos dirixentes do socialismo e do independentismo galego que dean explicacións sobre este caso e que tomen as accións pertinentes xa que, en casos como estes, asegura «non hai cabida para o silencio nin a indiferenza».

O ÚNICO PARTIDO QUE DEFENDE O LITORAL GALEGO

O presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, insistiu na reclamación ao Goberno central para que cumpra e axilice o traspaso dos medios precisos para que a transferencia das competencias sexa efectiva: «Mentres o Goberno de Sánchez nin xestiona nin deixa xestionar, Galicia conta cun goberno que goberna e avanza».

O presidente provincial precisou tamén que, malia todas as novas que se están coñecendo estes días e que están manchando o nome de Cangas, o Partido Popular «será sempre a solución para devolver a dignidade, a boa política e a estabilidade a Cangas e para defender a súa imaxe e a dos seus veciños».

«Cangas xa era noticia polas liortas do seu Goberno tripartito, pero agora, ademais, o é tamén por ser un buraco negro de escándalos», asegurou citando a dimisión forzosa da tenente de alcalde socialista en agosto e o recente arresto doutro membro socialista do goberno. Feitos que, na súa opinión, «repercuten moi negativamente na estabilidade e no futuro do Goberno local, ademais de  abochornar aos veciños deste gran concello».  

A deputada canguesa Loli Hermelo, pola súa banda, quixo aproveitar a ocasión para reivindicar que o PPdeG é «o único partido que pelexa para que Galicia poida xestionar o seu litoral» e lamentou a parálise na que está sumido o seu Concello.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios