A aposta de Galicia pola prevención fixo desaparecer practicamente varias enfermidades típicas da infancia e logrou manter en niveis moi baixos outras como o tétano, a hepatite B e varios tipos de meninxite.
A Xunta, a través da Consellería de Sanidade, publica hoxe no Portal de Contratos Públicos a licitación da subministración sucesiva de sete vacinas, por un importe de 7.314.247,20 euros e durante dous anos, o que lle permite a Galicia manter o calendario de vacinación máis completo do mundo.
O Goberno galego, nos seus orzamentos de 2025, incrementou un 3,27 % o investimento no Programa galego de vacinación ata acadar os 41 millóns de euros neste exercicio.
Mediante o presente contrato está prevista a subministración ao longo do ano 2025 e en 2026 de 289.400 doses de 7 vacinas das 13 recollidas no Programa galego de vacinación. Esas 7 vacinas permiten inmunizar fronte ás seguintes enfermidades: rotavirus, haemophilus influenzae B, poliomelite, hepatite B, varicela e, cunha única vacina, fronte á difteria, tétano e tose ferina, xunto á coñecida como a triplo vírica que protexe do sarampelo, rubéola e parotidite.
Ademais, o calendario galego de inmunización ao longo de toda a vida inclúe tamén as vacinas fronte á gripe, o virus do papiloma humano, o herpes zóster, a enfermidade pneumocócica, a meningocócica e o anticorpo monoclonal contra o virus respiratorio sincitial. A estas 13 vacinas do calendario hai que engadir a campaña especial fronte á covid-19.
Ampla cobertura
Galicia conta con coberturas en primovacinación na idade infantil superiores ao 98 %. É preciso manter estas altas coberturas infantís, xa que son esenciais para garantir a protección colectiva contras as enfermidades inmunoprevibles, así como o control da incidencia das ditas enfermidades.
A Consellería de Sanidade baséase na evidencia científica e na avaliación das intervencións en saúde para concluír que os programas de vacinación constitúen unha das medidas máis eficaces e de mellor relación custo-beneficio de todas as actuacións sanitarias.
A estabilidade do Programa galego de vacinación fixo desaparecer practicamente moitas das enfermidades típicas da infancia como, por exemplo, o sarampelo, a poliomielite ou a difteria. Tamén permite manter en niveis moi baixos outras enfermidades como o tétano, a hepatite B, varios tipos de meninxite etc.
As empresas interesadas terán ata o día 26 de marzo para presentar as súas ofertas.