Difícil saída a Carbajosa para o Ineltrón Santo Domingo Betanzos

Os betanceiros xogan contra os salmantinos do Recoletas Salud Carbajosa

Sen tempo a celebrar a meritoria vitoria en casa fronte ao Marín Ence Peixegalego por un solvente 91-76, o Ineltrón Santo Domingo Betanzos continúa a súa andadura no Grupo AB da Tercera FEB (antiga liga EBA) visitando a pista do Recoletas Salud, de Carbajosa de La Sagrada (Salamanca), un rival directo que xa gañou aos de Doc na ida e que se reforzou cumpridamente á volta do Nadal. De feito, ata tres xogadores novos se verán as caras co equipo betanceiro: o angolano Antonio Quintas Dinis, o senegalés Thierry Sagna e o canario Gabriel Cabrera. Xunto a eles, os xa coñecidos Dieye, Willie Lee Guy III, Chistopher Charles Teasly Junior ou Adrián Rámirez Ruíz, o máximo anotador do conxunto.

Así valora o partido Antonio Díaz “Doc”, o adestrador do conxunto galego: “É un equipo completamente diferente ao da primeira volta, con máis capacidade anotadora e de rebote cos cambios na plantilla e cos roles mellor definidos. Son agora mesmo un dos equipos máis completos da liga, como demostran os seus últimos partidos, gañando a Chantada e a Ávila e poñendo en apuros a Gijón e Oviedo”.

A cita, o sábado 1 de marzo ás 19h no Polideportivo Municipal de Carbajosa de La Sagrada (Salamanca)

Xornada a medio gas para a canteira polo Entroido

Polo demais, a xornada da fin de semana vén marcada por varios equipos do club sen partidos polas datas de Entroido e outros que recuperan partidos aprazados aproveitando estes días, como pode ser o caso do júnior feminino do Infor-B, que xoga o venres 28 contra Montrove fóra e o luns 3 contra Baxi Ferrol A Malata na casa. Outros equipos que xogan son o infantil de La Piccola contra Basquet Coruña, os mesmos rivais dos cadetes de Grelo o sábado 1, ou os equipos mini. O equipo de Segunda Autonómica xoga en Xinzo o mesmo sábado, e, no que toca aos outros dous equipos sénior do club (o Grelo feminino e La Goleta, o conxunto de Terceira), ambos os dous descansan.

Comparte éste artículo
No hay comentarios