A portavoz, Nicole Grueira, advirte que “a situación de abandono das estradas e pistas municipais con fochancas, sen pavimentación axeitada e sen mantemento periódico é cada vez máis preocupante” porque “supón inconvenientes e risco para a seguridade dos veciños e veciñas”.
O Grupo Municipal Popular de Pol vén de rexistrar unha iniciativa para esixirlle ao alcalde que “rectifique a súa xestión e poña en marcha, de inmediato, un plan de arranxo das estradas e pistas municipais, garantindo un mantemento axeitado e unha distribución equilibrada dos recursos públicos”.
A portavoz, Nicole Grueira, advirte que “a situación das estradas e pistas do noso municipio é cada vez máis preocupante. O seu estado de abandono, ademais de xerar inconvenientes aos veciños e veciñas no seu día a día, supón un risco para a seguridade. Pero, a pesar deste problema, o alcalde está gastando todo no campo de fútbol, deixando de lado as necesidades básicas da cidadanía”.
As fochancas, a falta de pavimentación axeitada e a ausencia dun mantemento periódico “están a converter as pistas municipais en infraestruturas perigosas e inadecuadas para o tránsito”. Pero, ademais, Grueira engade que “a prolongación no tempo desta situación podería derivar nun agravamento das condicións das vías, facendo que as reparacións futuras resulten máis custosas para as arcas municipais e que os prexuízos para os veciños se intensifiquen”.
A voceira popular considera que “a mellora das vías de comunicación debería ser unha prioridade. É inadmisible que se descoiden servizos esenciais mentres se dedican fondos ao campo de fútbol do alcalde. O fútbol non pode estar por riba das necesidades máis urxentes do municipio”, afirma.
PROPOSTA DE ACORDO
As populares propoñen, concretamente, un plan urxente de reparación e mantemento das pistas municipais, priorizando aquelas que presenten un maior nivel de deterioro e risco para a seguridade viaria. Que o Concello se comprometa a destinar os recursos económicos e materiais necesarios para levar a cabo estas actuacións no menor prazo de tempo posible e que se estableza un plan de mantemento periódico das vías municipais, co obxectivo de previr o seu deterioro e garantir unhas condicións axeitadas de circulación ao longo do ano.