O PPdeG encara as eleccións municipais de 2027 co obxectivo de ofrecer aos veciños gobernos estables e centrados na resolución dos seus problemas

O Partido Popular de Galicia comeza a engraxar xa a súa maquinaria coa vista posta nas eleccións municipais de 2027 marcándose como obxectivo incrementar «aínda máis» o seu apoio nas cidades galegas e poder «ofrecer aos veciños gobernos estables e centrados na resolución dos seus problemas».

Esta semana os populares galegos reuniron aos integrantes do seu Comité de Cidades precisamente para analizar, no ecuador do actual mandato e a 21 meses da próxima convocatoria electoral, as necesidades actuais das sete cidades galegas e afondar naqueles problemas «sen solución» que teñen os seus veciños.

Unha reunión que estivo encabezada pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, e polo coordinador deste órgano e alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, e na que se deu a benvida a Luisa Sánchez logo da súa elección como presidenta do PP de Vigo. «Agardamos que lle deas a Vigo os éxitos que a cidade se merece», trasladáronlle os seus compañeiros á nova integrante do Comité de Cidades.

A número dous dos populares galegos quixo poñer en valor que hai dous anos que os galegos deron a súa confianza maioritaria ao PP en cinco das sete cidades galegas, pero lamentou que en varias delas impediron gobernar «os pactos de perdedores con intereses partidistas do PSOE e do BNG que primaron sobre os intereses dos veciños».

Tal e como explicou, as consecuencias destes «pactos de conveniencia» pódense comprobar tanto en Lugo, que «cambiou de alcaldesa pero seguen con liortas constantes entre PSOE e BNG», como na Coruña, cuxa alcaldesa socialista «está acurralada pola corrupción e polos problemas de seguridade e urbanismo».

Unha situación de desgoberno que fai extensiva tamén a Santiago de Compostela, onde, na súa opinión, a «vergoñenta» situación na que se atopa o PSOE local é o resultado do pacto co que se fixo alcaldesa a quen ten só 6 concelleiros fronte aos 11 do popular Borja Verea. Un pacto que, concluíu, «só tiña por obxectivo que non gobernase o PP e que está levando á cidade ao desastre».

En contraposición, Prado presumiu dos beneficios do goberno en maioría de José Manuel Rey Varela para Ferrol: «É unha cidade que avanza, que gaña poboación, que gaña proxectos económicos e empresariais, que medra en emprego, e que ofrece un futuro para os ferroláns».

Isto é o que os populares galegos queren tamén para o resto de cidades galegas e por iso teñen claro que «o PP ten que gobernar para contar con gobernos centrados na resolución dos problemas dos veciños, para poder ter orzamentos e para evitar que as cidades galegas estean lideradas por soldados de Sánchez que primen os intereses do Goberno central fronte aos dos galegos».

Na mesma liña, o coordinador de Comité de Cidades do PPdeG e rexedor ferrolán subliñou que «para ofrecer os mellores proxectos de cidade no 2027 non chega co traballo duns meses antes» e de aí a importancia da reunión celebrada esta semana.

«Quen máis confianza recibiu nas cidades galegas foi o PP e por iso somos os que máis temos que traballar para devolver esa confianza ofrecendo a cambio estabilidade», asegurou apuntando cara o obxectivo de que facer posible o cambio nas cidades onde aínda non se goberna para «liderar xunto ao Goberno de Alfonso Rueda o futuro de Galicia».

Comparte éste artículo
No hay comentarios