O grupo municipal do PP de Padrón presentou unha batería de rogos e preguntas no pleno ordinario celebrado o pasado xoves para que o goberno socialista atenda as demandas veciñais.
Dentro desas peticións, tal e como indicaron os concelleiros Yésica Rosales e Ángel Rodríguez, inclúese a colocación de mobiliario urbano para o estacionamento de bicicletas no casco urbano, así como a reiteración dun rogo, ata o de agora non atendido, para retirar un poste de telefonía nunha pista en Vilar, Extramundi, que pode dificultar o tránsito de vehículos de emerxencia.
Os populares fixeron tamén fincapé na preocupación dos veciños do casco urbano dado que algúns vehículos que transitan pola N-550 en dirección Pontecesures, coa fin de evitar os semáforos próximos á glorieta, empregan a excesiva velocidade a vía paralela, na que se ubica a parada de taxis. Por iso, o grupo popular solicitou que, previo informe da Policía Local, se poñan medidas sobre a mesa polo perigo que supón para os peóns que veñen do casco urbano.




Outra das peticións formuladas é o arranxo da vía que comunica a Igrexa de Herbón co río Ulla, polo seu mal estado e presenza de fochancas. Ademais, trasladaron diversas peticións da veciñanza de Iria, a raíz da xuntanza mantida por parte do grupo popular en semanas anteriores. Estas son as referidas á limpeza do lavadoiro dos campos ou ao abandono no que se atopa a zona onde se ubican os colectores na Retén, ao carón do propio regato. Neste senso tamén se solicitou a limpeza da pista deportiva no Roucón ou o arranxo de varias tapas de auga rotas que hai na Retén.
En canto aos rogos, os PP tamén solicitou o mantemento da fonte na zona de Luáns así como a substitución dos bancos e o arranxo do firme da pista que vai cara o canal, xa que en varios puntos “está destrozada”.
No que atinxe ás preguntas, o grupo popular instou ao goberno local a explicar por que levan máis de dous meses pechados os vestiarios da piscina municipal cuberta e con obras paradas. A isto hai que sumar preguntas relativas ao cambio temporal da escola infantil a Carcacía. Os populares insistiron para coñecer, entre outros aspectos, datos sobre o transporte dos usuarios desde Padrón a Carcacía ou o número exacto de usuarios e aulas de alta a día de hoxe.