8 de marzo (de novo) Por @DulceCorcu

Igualdade: calidade de igual. Esa é a definición da Real Academia Galega a unha palabra que parece tan fácil de comprender como difícil de levar á práctica, e mesmo parece incrible que resulte cada vez máis natural ver a políticos gañar eleccións con postulados puramente machistas e denigrantes en moitos casos para as mulleres, que buscan relegalas ás tarefas do fogar e da crianza. Por se iso non abondase, pulula polo mundo virtual unha corrente con nome propio «tradwives», que promove a sumisión ao home, parir e estar sempre perfecta para desfrute do marido, sen máis ambición que facer o mellor biscoito ou lucir o mellor cardado, como se o tempo retrocedese en vez de avanzar. 

Cada 8 de marzo saímos ás rúas coa pretensión utópica de que sexa o último, mais cada ano aumentan as reivindicacións e a loita non xa por adquirir novos dereitos, senón por non perder os conquistados. Asoballadas pola medra da ultradereita e dunha xudicatura impávida ante o galopante machismo que se cobra vítimas que sempre van a máis neses lúgubres contadores onde ás veces non temos nin nome, só un número asignado para que quede constancia e poidan despois facer estadísticas. A violencia ten mil facianas cando é contra as mulleres: asasinadas, maltratadas, violadas, abusadas…Prostituidas dobremente cando pretenden que a explotación do corpo feminino pase por unha profesión. Por todas estas e outras cousas, o 8 de marzo segue vixente, co necesario feminismo en pé na procura desa calidadade de igual que cando parece que a tocamos coa punta dos dedos, volve fuxir polas rendixas dun mundo golpeado pola misoxinia e unhas institucións insensibles ao berro dunhas rúas que nunca poden permitirse calar nin descansar. Porque do que se trata, é das nosas vidas. De seguir vivas todos os 8 de marzo que sigan facendo falta.

Comparte éste artículo
No hay comentarios