O BNG demanda a Transportes a entrega dos trens Avril comprometidos con Galicia

Néstor Rego exixe ao Goberno garantir neste 2025 a chegada das novas unidades a Galicia que permitan aumentar frecuencias e prazas para mellorar o servizo

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, exixe ao Ministerio de Transportes explicacións sobre os continuos retrasos na entrega dos trens Avril da serie 106 e insta ao Goberno do Estado a garantir a modernización e ampliación dos servizos ferroviarios en Galicia. A formación nacionalista rexistra unha batería de iniciativas dirixidas ao executivo para esclarecer o calendario de entrega das unidades pendentes, a súa distribución e o cumprimento dos obxectivos de redución de tempos e incremento de prazas ofertadas.

Rego lembra que a posta en funcionamento dos trens Avril foi precedida dun longo retraso de máis de dous anos, así como dun inicio marcado por múltiples incidencias, demoras e fallos. «Das 30 unidades comprometidas, Talgo só entregou 10 en abril do pasado ano para as conexións ferroviarias da Galiza e Asturias coa Meseta. A día de hoxe, segue pendente a entrega do resto das unidades para completar o Plan de Substitución dos ALVIA polos Avril» denuncia o deputado.

«O BNG reclama información clara sobre as previsións do Goberno respecto á entrega das unidades pendentes e a posta en marcha definitiva do Plan de despregamento da serie 106» defende o deputado do BNG. Para este fin, Rego demanda que o Ministerio concrete cando Talgo entregará as unidades de trens Avril pendentes e fixe unha data para a finalización do Plan de despregamento das unidades da serie 106, garantindo que este se complete no ano 2025.

Así mesmo, o Goberno debe informar de cantas unidades Avril serán destinadas á Galiza e a que conexións se asignarán, asegurando unha distribución xusta e proporcional. «Debe completarse neste exercicio anual a substitución dos trens Alvia polos Avril, aclarando se quedará algún servizo ferroviario a prestar por trens Alvia e cales serían estes servizos» subliña Rego. Co mesmo obxectivo, o Ministerio ten que garantir  a chegada ás 80.000 prazas comprometidas coa posta en funcionamento de todas as unidades Avril, garantindo así unha mellora real na oferta ferroviaria.

O deputado do BNG critica que, malia os anuncios realizados polo Goberno, a modernización do parque móbil non está a cumprir os obxectivos marcados. «Os tempos de viaxe seguen por riba dos compromisos adquiridos: Vigo-Madrid en 3 horas e 35 minutos, A Coruña-Madrid en 3 horas e 22 minutos e Santiago-Madrid en 2 horas e 47 minutos. Ademais, tampouco se alcanzou o obxectivo de ofertar 80.000 prazas semanais, xa que pasamos de 43.000 a 60.000 prazas» lamenta Rego.

Comparte éste artículo
No hay comentarios