O voceiro do Partido Popular de Samos, Miguel Gallego, denuncia o abandono do centro de maiores e a incompetencia do BNG na xestión dos servizos sociais.
O portavoz popular lamenta unha vez máis o abandono absoluto ao que o goberno municipal do BNG está sometendo aos maiores do noso concello. Nas últimas semanas, o PP puido comprobar de primeira man como o centro de maiores queda sen persoal durante os cambios de quenda, concretamente entre as 8.00 e as 9.00 horas, e de novo entre as 13.00 e as 14.00 horas. “Durante este tempo, os maiores quedan totalmente sós, sen ninguén que os atenda. ¿Quen se faría responsable se ocorre algún incidente ou se algún residente sofre unha indisposición?”, cuestiona Gallego. “É unha auténtica vergoña que o goberno do BNG permita esta situación deixando desprotexidos aos nosos maiores”, engade.
Ademais, o PP denuncia que o goberno municipal leva máis de catro meses sen cubrir a praza dunha asistente social, incumprindo os ratios legais e arriscándose a recibir unha nova sanción. “Cando chegue a multa, xa sabemos cal será a escusa: a culpa será do goberno anterior. Esa é a única política que saber facer o BNG, botarlle a culpa aos demais mentres abandona as súas obrigas”, critica Gallego.
O desastre na xestión do BNG tamén se reflicte no Servizo de Axuda no Fogar. “Non só non cobren os días libres das traballadoras, deixando sen atención aos maiores que precisan o servizo, senón que tampouco están a cumprir coas horas aprobadas pola Xunta. ¿O resultado? A lista de espera segue medrando e os máis vulnerables son os que pagan as consecuencias”, denuncia o voceiro popular.
ABANDONO, CAOS E IRRESPONSABILIDADE
“Este é o verdadeiro modelo social do BNG: abandono, caos e irresponsabilidade. Prometeron melloras e o único que trouxeron foi un empeoramento sen precedentes na atención aos nosos maiores”, conclúe Gallego.