Redución da xornada laboral a 35, como camiño até chegar á xornada de 4 días e 32 horas, ou o aumento do Salario Mínimo Interprofesional até 60% do Salario Medio, entre as reivindicacións da organización nacionalista.
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) conmemora este 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, reafirmando o seu compromiso coa defensa dos dereitos da clase traballadora galega. Esta data, que lembra a loita e o sacrificio da clase obreira na Galiza, debe servir para reivindicar a necesidade de continuar avanzando na mellora das condicións laborais dos traballadores e traballadoras. O recordo de feitos históricos como a represión sufrida pola clase obreira no 1972 en Ferrol segue sendo un símbolo da necesidade de loitar polos dereitos e pola dignificación do traballo.
Neste contexto, o BNG defende que a redución da xornada laboral é unha medida imprescindíbel para garantir o benestar da clase traballadora e avanzar cara a unha sociedade máis xusta. O avance tecnolóxico e os cambios produtivos deben ir acompañados de melloras nos dereitos laborais, e non de máis explotación ou precariedade. “Por iso, presentamos, coa colaboración da CIG, unha Proposición de Lei para a redución da xornada laboral a 35 horas semanais, como primeiro paso cara a implantación dunha xornada de 4 días e 32 horas semanais. Esta medida non só permitirá mellorar a conciliación da vida laboral e familiar, senón que tamén contribuirá a repartir o emprego e reducir o paro en Galiza, xerando un modelo produtivo máis sustentábel e equitativo” sinala o deputado nacionalista.
Ademais, o BNG reclama a subida do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) até 60% do Salario Medio, en cumprimento do estabelecido pola Carta Social Europea, ratificada polo Estado. “A suba do SMI non só é unha cuestión de xustiza social, senón tamén un factor chave para dinamizar a economía galega, xa que permitirá unha mellor distribución da riqueza e un incremento do consumo interno” apunta Néstor Rego.
Así mesmo, a frente nacionalista lembra a presentación dunha iniciativa para que as persoas perceptoras do SMI estean exentas de pagar o IRPF, garantindo así que os salarios máis baixos non vexan reducida a súa capacidade adquisitiva por unha fiscalidade inxusta. “A clase traballadora non pode seguir sendo a que sosteña os maiores esforzos fiscais mentres grandes empresas e fortunas continúan beneficiándose de privilexios e exencións” destaca Rego.
“O compromiso do BNG coa clase traballadora galega vai máis aló destas iniciativas. Defendemos un modelo económico baseado na soberanía produtiva, que protexa os sectores estratéxicos do noso país, aposte pola industrialización sustentábel e combata a deslocalización de empresas. Exiximos tamén a derrogación das reformas laborais que seguen a precarizar o emprego e contribuíron a debilitar os dereitos sindicais, e demandamos un marco galego de relacións laborais que permita adaptar as condicións laborais ás necesidades específicas da nosa realidade social e económica” afirma o deputado.
“Neste 10 de Marzo, desde o BNG reiteramos o noso compromiso cunha Galiza máis xusta, con emprego digno, así como cuns salarios e condicións laborais que permitan vivir con dignidade. Chamamos á mobilización e á organización da clase traballadora para continuar avanzando na conquista dos nosos dereitos. Só a través da unidade e da loita conseguiremos unha Galiza con futuro, onde o traballo sexa un dereito e non unha fonte de explotación” remata Rego.